“Non podemos agardar a que os políticos nos organicen”

¿Que ocorreu co Plan Urban, que destinaba 11 millóns de fondos europeos para a rehabilitación do barrio da Agra do Orzán?

Foi unha oportunidade perdida. Levouse a cabo un despacho, a porta pechada, e sen consultar con ninguén. Se na escola de arquitectura case non nos enteramos de que existía, imaxina os veciños… Os máis dos cartos gastáronse no Centro Ágora, pero do resto dos cartos non sei o que foi.

Hai outros programas, como as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), pero  limítanse a dar axudas a particulares para a rehabilitación das vivendas, mentres que o Urban é un plan integral.  Non sei se teremos outra ocasión coma esta…

(NOTA: Na Coruña existen ARI’s no Birloque, Palavea e Os Mariñeiros. Son axudas municipais de ata 10.000 euros para rehabilitar vivendas particulares)

Hai algo que poidamos facer ao respecto os veciños?

Sinceramente, é difícil actuar agora dende a veciñanza. O barrio da Agra, ao igual que os do Castrillón, Os Mallos e Montealto, precisan unha  intervención urbanística canto antes. As solucións existen, os movementos arquitectónicos e urbanísticos ofrecen varias e tiveron moitos éxitos en casos similares. Pero non son sinxelas.

O primeiro é facer un diagnóstico serio, un estudo das necesidades de cada barrio e de como solucionalas. E, por desgraza, diso non podemos ocuparnos nin vos nin eu. Teñen que facelo os técnicos municipais, coa mesma dedicación e interese coa que Santiago fixo a rehabilitación dos seus cascos urbanos, por exemplo. Estudando cada baixo, cada casa e cada rúa.

Non será doado, e haberá que investir tempo e molestar aos veciños. E claro, iso só pode facerse tendo en mente un proxecto de cidade, non os votos para as vindeiras eleccións.

¿Por que é tan urxente a necesidade de actuar?

Porque todos eles son barrios que se construíron nos anos 70, nun tempo no que os criterios de accesibilidade, habitabilidade, illamento e eficiencia eran ben distintos. Son menos espaciosos, menos seguros, consumen máis enerxía e contaminan máis. Verdade que ninguén conduce xa coches de hai 40 anos?  Pois cos pisos ocorre algo semellante. Agora aínda estamos a tempo de actuar, pero dentro de 15 anos, cando o deterioro das vivendas sexa irreversible…

Ademais, hai que ter en conta que moitos dos que mercaron estes pisos cando eran novos, puxéronos a alugar ou á vender, e marcharon  a vivir a zonas como Os Rosais, ou fora da cidade, a vivendas máis modernas e cómodas. No barrio fica só a xente moi apegada a el, ou a que ten poucos recursos. A medida que os pisos se deterioran faise máis difícil alugalos, agás a quen non ten outra opción, como os inmigrantes. Hai quen se aproveita, e crea os chamados “pisos patera”, ou instala negocios de prostitución nestes espazos. E o deterioro faise cada vez máis visible. Iso foi o que ocorreu na rúa do Orzán, e o que pode suceder agora nestes barrios dos que falabamos. Na Agra, en concreto, danse todas as condicións…

¿Que se pode facer para rehabilitar?

Estudar caso por caso, xa o digo. Pero outras cidades con plans urbanísticos serios, como Barcelona, demostraron que é posible. Hai que revisar as vivendas, instalar ascensores, calefaccións, illamentos… E, se o edificio é imposible de recuperar, pois ao mellor hai que pensar en  darlle aos dez anciáns que alí viven unha casa noutra parte, e derrubalo para facer unha praza, se hai sitio, ou recompoñer todo o interior e facer un centro de día, ou un aparcamento en altura, para axudar a desconxestionar o tráfico, cunha piscina pública na última planta… Opcións non faltan, o que falta é valentía política.

Outra necesidade é recuperar os patios de mazá. Na Agra, e nos outros barrios que mencionei, os maiores espazos baleiros están dentro dos edificios, e temos unha chea de exemplos no norte de Europa de como aproveitalos. Agora son lugares totalmente deteriorados, pero poderían ser a solución para instalar as zonas verdes e os lugares de reunión que tanto precisan estes barrios.

O lóxico tería sido deixarlles entrada dende a rúa, xa no tempo no que se construíron os edificios, pero como non se fixo, temos que buscar solucións. Nin sequera sería preciso expropiar, que sempre é unha opción custosa, poderíase chegar a acordos cos propietarios… Por exemplo, dicirlle a un bar que se deixa que lle recorten o local para facer unha entrada ao patio interior, podería instalar alí unha terraza cuberta, sen problemas de licenzas.

Falabamos antes do Centro Ágora.  Cre que facelo foi unha decisión axeitada?

Eu, como representante da Escola de Arquitectura, formei parte do xurado que seleccionou o proxecto  do Ágora nun concurso de ideas. E defendo que, dende o punto de vista arquitectónico, escollemos o mellor.  Pero teño dúbidas sobre a súa capacidade para mover o barrio.

Trátase dun equipamento interesante, con vocación de ir máis aló da Agra. Cando nomearon a Manuel Olveira como director, tiñan en mente un pequeno CGAC na Coruña. Pero Olveira foi cesado xa na primeira semana de goberno municipal do PP, e agora temos un equipamento interesante, pero desaproveitado.

O barrio está mellor co Ágora que sen el, penso eu. Centros similares, como o Matadero, de Madrid, demostraron que, cun programa ben pensado, con actividades que molen, pódese atraer xente ao barrio, darlle vida. Pero esta é só unha proposta, é cousa dos veciños reivindicar o espazo, e demandar que alí se fagan cousas que a eles lles beneficien. Non podemos agardar a que os políticos o fagan por nós, e menos estes políticos. Non debemos deixar que nos organicen, porque a pasividade é nociva.

Leave a Reply