Comunicado en defensa do ensino público

da Rede de Asembleas Populares de Barrios e Vilas da Coruña do

Movemento 15-M

 


O próximo 26 de setembro (luns) na Praza de Pontevedra da Coruña, frente aos emblemáticos I.E.S. “Eusebio da Guarda” e o C.E.I.P. “Eusebio da Guarda” -os dos centros escolares máis antigos da cidade- celebrarase ás 19:30 unha charla-concentración “En defensa do ensino público, en contra dos recortes e por un ensino de cualidade”, na que participarán profesoras profesores de primaria e de secundaria, nais, pais e alumnado da Coruña e Comarca.

Informarase en detalle sobre a gravísima política de recortes que afectan a todo o ensino público e que diminuirán de certo a cualidade da educación que reciben os nosos fillos nos colexios e institutos.  Despois da charla desenvolverase unha sesión de micro aberto, na que poderá participar calquera cidadán ou cidadá que o desexe.

Coa charla preténdese contrarrestar a campaña de intoxicación mediática e de desprestixio que desde a Consellaría de Educación se está realizando contra o profesorado do ensino público, agora que se está a mobilizar pola defensa dos seus dereitos laborais e do seu labor docente, e tamén contra todo o sistema público de ensino, que tantas décadas de esforzos e loitas revindicativas costou conseguir. A Xunta quere ocultar os seus recortes, desviando a atención dos cidadáns, e intenta xustificar o inxustificábel, contribuíndo a desmontar un dos alicerces básicos do Estado de benestar, apoiando a conversión paulatina do servizo público esencial da educación en negocio lucrativo para empresas privadas e ordes católicas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O Movemento 15-M, formado por cidadáns e cidadás autoorganizados que traballan a prol do cambio social en beneficio da cidadanía, ofrece ás comunidades escolares preocupadas e indignadas polo deterioro do ensino público, a súa praxe organizativa completamente democrática e asemblearia, e o seu xeneroso labor activista, para procurarmos coa colaboración de todos/as manter e mellorar a educación.

Animamos ás comunidades escolares da Coruña e Comarca (pais, nais, profesores, profesoras, alumnos e alumnas, persoal administrativo dos centros) a que participen neste acto reivindicativo ao aire libre do 26 de setembro. Un ensino público de cualidade, como tamén unha sanidade pública boa, é un ben para toda a sociedade e imprescindíbel para o progreso social, e a súa consecución é unha tarefa na que todos/as nos deberíamos implicar.

Se non somos capaces de impidir estes recortes, sentiranse con ánimos de levar adiante moitos máis nun futuro próximo.

Estamos indignad@s por mor deste ensino público que nos deixan!

Non aos recortes!

Nais, pais, profesoras, profesores, alumnas e alumnos,

por un ensino público e de cualidade!


 

Leave a Reply