Entrevista con Moncho Veras,en representación da Plataforma de defensa de sanidade pública de ACoruña

 

Sobre a propia Plataforma

 

Qué é a Plataforma SOS Sanidade Pública?

É un grupo plural de organizacións agrupadas en diferentes Plataformas locais que se xuntan para formar a Plataforma galega e actuar en coordinación en defensa da sanidade pública. As Plataformas teñen unha composición variable con diferente peso das organizacións, con presenza de organizacións políticas, sindicais, de veciños, culturais e de enfermos crónicos. A Plataforma galega está composta pola Confederación de AAVV de Galicia, BNG, PSOE, CIG, UGT, CCOO, SATSE e Asociación galega de defensa da sanidade pública.

 

Cando xurde? Onde?  Por que? Quen forma parte dela?

A Plataforma Galega en Defensa da Sanidade Pública ten unha longa traxectoria en Galiza, con reaparicións sucesivas en reacción a políticas de privatización da sanidade. SOS Sanidade Pública aparece hai dous anos reaccionando a dúas estratexias políticas da Xunta de Galicia, a decisión de usar a Iniciativa de Financiamento Privado (PFI) para a construción de centros sanitarios, empezando polo Novo Hospital de Vigo, e a perda de área sanitaria do Barco, Monforte e Burela.

A Plataforma da Coruña creouse en xuño de 2010 e está formada pola Federación de AAVV da Coruña e Área Metropolitana, Namentras, Asociación Coruñesa de Fibromialxia e Fatiga Crónica, BNG, PSOE, EU, CCOO, UGT e CIG.

 

Que obxectivo ou obxectivos ten?

O obxectivo xeral da Plataforma da Coruña é a mellora da atención sanitaria na área de saúde da Coruña

  1. No concreto esta Plataforma quere ser
    1. Un instrumento de información e de participación da cidadanía e de denuncia de todas as políticas e accións que ameacen a sanidade pública.
    2. Un instrumento de promoción de accións de mellora así como da utilización da sanidade e dos centros sanitarios públicos da área de saúde da Coruña
  2. Actuar de xeito coordinado coa Plataforma Galega de Defensa da Sanidade Pública para impedir a posta en marcha de políticas de privatización da sanidade pública.
  3. Na Área da Coruña a Plataforma está preocupada prioritariamente, en concreto, por:
    1. A ralentización das obras do Plan Director do Hospital Universitario da Coruña
    2. As excesivas listas de espera de todas as especialidades médicas e cirúrxicas e de realización de probas diagnósticas
    3. A paralización do Plan Estratéxico de Saúde Mental
    4. A paralización do Plan de Mellora da Atención Primaria
    5. O recorte de prazas de persoal en todas as categorías da sanidade pública
    6. A previsión de financiamento privado dos novos centros de saúde

 

Sobre o sistema actual

 

Como definiriades o sistema de sanidade actual?

Non podemos esquecer o discurso da necesidade de melloralo pero é tal a agresión ideolóxica, de mensaxe e na práctica sobre a sanidade pública actual que neste momento é prioritario poñer en valor todo o bo que representa: un esforzo colectivo por ofrecer e dar recursos sanitarios para calquera que o necesite sexa cal sexa o seu grao de riqueza.

 

Teñen todos os colectivos (persoas que nunca traballaron, certas profesións liberais, o que deixa de percibir o subsidio por desemprego e teñen ingresos superiores ao Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples…) neste momento, acceso á sanidade pública?

Aínda que poderiamos pensar que a sanidade española é accesible para toda a poboación, o certo é que hai grupos de excluídos, que o propio Ministerio de Sanidade cifra en 200.000 persoas, pero que, tendo en conta o número de parados pode ser bastante maior. Están excluídos profesionais liberais que reciben asistencia de Mutuas (avogados e arquitectos), e parados sen prestación de desemprego que conten cunha renda superior ao Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, situado en 2011 en 532 ao mes (por debaixo desta cantidade os parados pódense acoller ao grupo de Persoas Sen Recursos e deste modo ter tamén cobertura sanitaria).

 

Que acontecementos salientariades sobre  a situación actual?

Unha situación de acoso e derribo aos servizos públicos. Non é unha estratexia política racional, Feijoo e as políticas neoliberais, tamén do goberno central, seguen unha pauta ideolóxica de que o privado e o negocio é o obxectivo de toda actividade e para iso precisan servizos públicos débiles e pouco efectivos. Esa é a situación, de minusvaloración do público, de facer políticas en busca de negocio e non para mellorar o benestar ou para solucionar os problemas das persoas. Todo vai envolto nunha mensaxe cómplice da maioría dos medios de comunicación, sen dúbida os galegos, moi presionados polas axudas que reciben da Xunta de Galiza.

 

Actualmente estase a cumprir a lei no relativo á sanidade (constitución, Ley General de sanidad 14/86?

Non en moitas cousas. Desde logo no que se refire á universalización da asistencia sanitaria. De todos modos, esperamos que se solucione a partir do 1 de xaneiro de 2012, pola Lei 33/2011 de saúde pública (estatal). Segundo a disposición adicional sexta desta Lei “esténdese o dereito ao acceso á asistencia sanitaria pública a todos os españois residentes en territorio nacional, aos que non se lles puidese ser recoñecido en aplicación doutras normas do ordenamento xurídico”. Esta norma debe resolver o problema de asistencia en todo o Estado e que ninguén quede sen cobertura sanitaria aínda que cambie de comunidade autónoma.

 

Que supón a orde do 5 de setembro de 2011 (DOG do 9 de setembro)?

Miles de persoas en Galiza, os máis vulnerables, persoas sen recursos e parados de longa duración, sen prestacións de desemprego, quedaron sen asistencia sanitaria e farmacéutica ordinaria porque a Consellaría de Sanidade decidiu desactivar todas as tarxetas sanitarias destas persoas. Sen aviso previo. E obrigándoos a asinar un compromiso de pago polo uso da asistencia sanitaria mentres non realizasen todos os trámites para regularizar a súa situación. Feijoo e Farjas negaron máis de tres veces estes feitos ata que as declaracións públicas múltiples dos afectados e a presión política obrigáronos a recoñecer a situación e corrixila.

Ante a marcha atrás da Xunta, podemos resumir a situación dos cidadáns do seguinte xeito:

  1. Para os cidadáns con tarxeta sanitaria galega que sufriron a “desactivación” da mesma, a Consellaría de Sanidade garántelles toda a asistencia sanitaria no ámbito galego, a través da asignación dun novo código denominado “Residencia en Galicia”. Estas persoas non teñen garantida a asistencia sanitaria no resto do Estado aínda que é de supoñer que isto se solucionará a partir do 1 de xaneiro de 2012 coa aplicación da Lei de Saúde Pública estatal.
  2. Cidadáns que solicitan a tarxeta por primeira vez terán asistencia sanitaria cando presenten toda a documentación, mentres tanto serán atendidos só de urxencias e non se lles financiarán os medicamentos. Se lles fai alta rápida no momento en que teñen a documentación e disfrutarán todos os dereitos (non precisan esperar a recibir a nova tarxeta).
  3. A partir do 1 de xaneiro de 2012, a Xunta, cambia a Lei 8/2008, e esixe 183 días de empadroamento nun concello galego para acreditar a Residencia e ter dereito a asistencia sanitaria. Con este cambio poden quedar sen cobertura sanitaria durante 6 meses os estranxeiros que se empadroen aquí e tamén aqueles emigrantes galegos que retornan e os galegos que foron traballar a Canarias,…, e volven de novo. Moita xente. E volve ser unha decisión política da Xunta a que coloca a moitas persoas sen atención. Este cambio lexislativo pode entrar en contradición e vulnerar a Lei de Saúde Pública estatal, segundo indica o Consello Económico e Social.

 

Sobre os recortes

 

Reduciuse o orzamento sanitario? (faládenos de cifras, porcentaxes…)

Globalmente continúa a redución de orzamentos

Orzamento 2010 2011 2012
Sanidade 3.728.813.400 3.465.143.702 3.449.291.684
Diminución orzamentaria -263.669.698 -15.852.018  

-279.521.716 acumulado

 

No período 2011-2013 haberá unha redución moi importante de persoal motivada pola aplicación da taxa de reposición, segundo a cal só se poderá cubrir o 10% das prazas que queden vacantes. A distribución das vacantes esperadas só por xubilación no Sergas son as seguintes:

Máis de 65 anos 2010 2011 2012 2013 Total
Licenciados

352

114

110

136

712

Persoal Diplomado e de Formación Profesional

229

174

232

276

911

Persoal de Xestión e Servizos

198

170

143

196

707

Total de persoal xubilado

779

458

485

608

2330

No 2014 haberá 2097 prazas menos no cadro de persoal do Sergas salvo a prórroga que se lle dea aos facultativos maiores de 65 anos

En persoal a redución de gasto para o 2012 é de 1,5 millóns de € sobre 2011, un recorte acumulado de 55,4 millóns € en 2 anos. Afecta exclusivamente a atención primaria, que sería o lugar a fortalecer, sobre todo en períodos de crise como o actual.

Redúcentes todas as partidas pero o que non se reduce é a concertación coa sanidade privada que se incrementa en 2,7 millóns de euros para o 2012.

 

A que áreas da sanidade están a afectar principalmente os recortes?

Os recortes en subvencións (VIH, PERSONAL, SALUD MENTAL; DROGODEPENDENCIAS,…) afectan a todo tipo de asociacións?)

Baixan todas as áreas salvo a concertación coa privada que aumenta e tamén se incrementa o gasto en farmacia hospitalaria. Quen nota máis o recorte é a atención primaria e áreas como saúde mental, drogas e VIH, que tamén ven reducida de modo importante o orzamento, sumado xa ás reducións sufridas o ano anterior.

Non aparece nos Orzamentos nada específico para o Plan Estratéxico de Saúde Mental.

Recórtanse máis de 1400000 euros as axudas aos dispositivos de asistencia aos drogodependentes e aos equipos de prevención. Das cantidades propostas destaca a redución en máis de 1088000 euros do convenio Consellaría de Sanidade-FEGAMP, polo que se financian as Unidades Asistenciais dos Concellos (13 en Galiza), así como os equipos de prevención das drogodependencias tamén dos concellos e mancomunidades (máis de 40). Este recorte supón un 14,22% menos da cantidade asignada no 2011 para os mesmos recursos.

As Asociacións como ACLAD na Coruña teñen unha redución orzamentaria de 2,5% sobre a redución do ano pasado, a mesma que para os centros de alcoholismo. Maior recorte sofren os recursos de reinserción laboral e atención xurídica, que logo de sopsortar o pasado ano recortes superiores ao 25% nalgún caso, este ano teñen unha redución orzamentaria doutro 10%.

En VIH xa se reducíu un 41% o orzamento durante o ano 2011 recibindo axuda só 12 das 47 asociacións existentes e 8 dos 23 Concellos (entre elas quedaron sen subvención asociacións de traxectoria longa como Antonio Noche de A Coruña, Renacer, Alborada de Vigo ou Érguete). O Comité antisida de A Coruña pasou de 33118 euros no 2010 a 21000 no 2011. Para o 2012 xuntan o financiamento para proxectos de VIH/SIDA cos programas de prevención de drogodependencias, supoñendo un recorte importante.

 

Existe realmente “o aforro” en costes sanitarios debido á xestión de hospitais por empresas privadas? (é real? onde está a trampa?

Aforro en absoluto. Está totalmente demostrado, o mesmo Consello de Contas (quizais non está demais recordar que a maioría dos membros deste Consello foron nomeados polo PP) recomendou á Xunta de Galiza que non usase este modelo de financiamento polo risco que produce nos próximos orzamentos.

As Iniciativas de Financiamento Privado son máis caras, e só desde un punto de vista ideolóxico se poden defender. Non desde o punto de vista da racionalidade económica. Países como Inglaterra están fuxindo deste tipo de financiamento porque son, simplemente, unha ruína.

Para exemplo o Novo Hospital de Vigo. O custe de construción pola Sociedade Pública de Investimentos era de  408.460.000, a pagar en 15 anos. O custe de construción polo sistema PFI, o decidido por estes marabillosos xestores da Xunta e do PP é de 723.035.558 euros, a pagar en 20 anos. Son 315 millóns de euros máis que pagamos co sistema PFI, só pola construción. Que nos expliquen onde está o aforro e a austeridade porque é imposible de ver!

 

Que é o copago? Ten cabida o “copago” no noso sistema? Que suporía?

O copago tamén é unha proposta que só se pode defender de modo ideolóxico, non economicamente.

Hai estudos de investigación sobre os resultados dos copagos nos países do noso entorno europeo. As conclusións son as seguintes:

- Non supoñen aumento de ingresos económicos xa que o que se recauda vai no gasto de montar toda a infraestrutura de cobro das facturas.

- Non é disuasorio para que a xente vaia aos centros sanitarios. Sábese que inicialmente se reduce a demanda pero ao ano da súa implantación volve haber a mesma demanda que antes.

- Si está demostrado que o copago é un risco para a saúde dos grupos de risco, tanto das persoas pobres como en xeral das persoas con enfermidades máis problemáticas, que evitan ao máximo ir ao médico e iso repercute no empeoramento da enfermidade e na mortalidade.

Ou sexa, non ten sentido desde o punto de vista económico e desde o punto de vista sanitario. Os que o defenden debe ser que non len os informes de xestión que existen na actualidade.

 

Pensades que a cidadanía está verdadeiramente enterada do que está a suceder no que se refire a recortes?

Non. Só os que lles afecta directamente saben que os recortes son reais e existen. Ás veces semella que o PP gusta de comunicar ou ameazar con grandes recortes, lanzando globos sonda, para ao final recortar menos e que todo o mundo se dea por satisfeito.

 

Credes que a cidadanía debería mobilizarse pola defensa da sanidade pública?

Si. Vai ser o único modo de frear este afán de buscar negocio e de privatizar. O único modo de obrigar a que o goberno pense nas necesidades das persoas e non en contentar aos mercados ou aos amigos que queren facer negocios. A sanidade pública é un ben de todos e para todos. Se non a mantemos entre todos non é posible que exista. Hai moi pouca xente que poida pagar se ten un problema serio. É mellor coidar o que temos e tratar de melloralo, pero non derruíla como fai o señor Feijoo.

 

Sobre a utilización da sanidade pública por parte da xente

 

Poderíase mellorar a atención sanitaria se a poboación fixese un mellor uso dela? 

Isto sempre é posible, todos coñecemos casos ou situacións criticables pero non é o problema fundamental da sanidade, non é deste modo como se van resolver os problemas de fondo da sanidade.

 

Se é así, que medidas nos recomendariades para que isto suceda?

Sempre está ben chamar á responsabilidade de todos pero é moito máis importante a responsabilidade dos grandes decisores, que son o goberno, en primeiro lugar, e por outra parte os facultativos e a súa implicación na mellora da sanidade pública.

Entendemos que hai que facer un uso responsable da sanidade… Que significa que Galiza cobrará polo uso irresponsable da sanidade? Estades de acordo? Polo visto o PP defende isto, é certo?

Todo o mundo está de acordo en perseguir o fraude ou no uso correcto dos servizos pero o PP non fai propostas nin lle intersa o debate destes problemas. O que fai é abrir a porta ao copago sen control. Esa é a realidade.

 

Sobre unha saída posible:”suxestións

 

Existes outros sistemas de sanidade pública dos que poderíamos aprender?

Sempre é posible aprender. É posible encontrar melloras en transparencia e participación, sobre todo na liña de enfocar o sistema cara os determinantes sociais da saúde, pero tamén podemos mellorar en xestión e no camiño de facer un sistema máis eficiente e máis xusto. De todos modos, o sistema sanitario español é, na actualidade, un ben a exportar, algo do que os demais poden aprender.

 

De cotío oímos que este sistema non é sostíbel, que fai augas, que acumula déficit… Que contestariades a eses comentarios que a diario vemos, escoitamos e lemos na prensa?

Non é certo. É un sistema neste momento con baixo financiamento, onde hai posibilidades de mellora da xestión pero que precisa un incremento de financiamento. O que sucede é que se está destinando a sanidade menos cartos dos que precisa. Se orzamentas menos do necesario acumulas déficit pero en Galiza e en España é posible incrementar o financiamento. Seguimos sendo a sanidade máis barata de Europa.

 

Calquera outra cuestión que consideren importante

O cambio máis importante que se debería dar é combater os determinantes sociais da saúde, obxectivo que non se debate e que é a gran recomendación da OMS para os diferentes países. Aumentar a participación e a transparencia será un modo de facer máis efectiva a sanidade pública, de facer que se xestione mellor e tamén de facela máis nosa.

 

One Response to “Entrevista con SOS Sanidade Pública”

  1. Asemblea Popular 1 de decembro Says:

    [...] Moncho Veras como representante da Plataforma de defensa da sanidade pública de A Coruña. Pulsa Aquí Publicado en Sin [...]

Leave a Reply