Có lema Nin eternas coidadoras nin escravas do sistema concentrarémonos este xove 8 ás 20 na delegación do goberno.

A reforma laboral veñen a afectar gravemente a todas as persoas, e de xeito máis específico ás mulleres, xa que partimos dunha situación de desigualdade respecto dos homes, con maior temporalidade laboral, a maioría dos contratos a tempo parcial (cos conseguintes dereitos parciais), maior desemprego, maior número de despedimentos, cobramos un 22% menos que os homes de media polo mesmo traballo, e se están a facer graves recortes nos sectores públicos máis feminizados como a sanidade e a educación, sumando a isto ás tácticas de desprestixio e acoso aos servizos públicos.

Denunciamos ademais que o “novo” ideario dos políticos dos gobernos de Europa está a coincidir coa crueldade e inxustiza do sistema neoliberal e capitalista, que a súa vez ven a alimentar cada día máis ó sistema patriarcal e a garantir os intereses dos poderosos: bancos, Igrexa, grandes empresas…

Nós, traballadoras todas, con ou sen emprego, migrantes e autóctonas, coidadoras e con dereito a ser coidadas, xóvenes e anciás, diversas rexeitamos este sistema que se alimenta da explotación dos seres humanos, e da natureza, que aposta pola morte para xenerar beneficios económicos para unha minoría da poboación, e reivindicamos un cambio de rumbo radical, no que a vida, o benestar e a igualdade sexan o centro de tódalas decisións políticas. reivindicamos que o noso corpo é noso e temos dereito a vivilo como nos pete; somos nos as únicas soberanas para tomar decisións sobre o mesmo, para decidir sobre a nosa maternidade e contar con apoios necesarios para exercela ou non. Así as políticas públicas teñen a obriga de acompañar a toma de decisións de cada muller e non a ideoloxías relixiosas concretas.

A nosa aposta, a aposta feminista para toda a humanidade é radical, e non pode ser doutro xeito, porque radical e ir a ráiz dos problemas, e iso pasa por construír un cambio cultural, económico e social no que o primordial sexan a vida o benestar, a a liberdade e igualdade de tódalas persoas.

 E lembrade que o domingo 11, ás 12:00h,  vémonos todas na manifestación nacional en Compostela. Mulleres galegas en loita polos nosos dereitos!

NIN ETERNAS COIDADORAS, NIN ESCRAVAS DO SISTEMA!

VIVA A LOITA DAS MULLERES! VIVA A LOITA FEMINISTA!

Leave a Reply