Membros do colectivo de “Hortas Urbanas da Agra” tentaron o día  28 de xuño, poñérse en contacto ao longo da mañá coa Alcaldía da cidade da Coruña e co concelleiro de Medio Ambiente, Sr. Enrique Luis de Salvador Sánchez, para concertaren dúas entrevistas e podérenlles expór o proxecto de “Hortas Urbanas da Agra”, no que xa están inscritas mais de 50 familias de toda a cidade.

Aínda que se lles chamou repetidamente por teléfono ao longo da mañá, as secretarias do Sr. Alcalde e do Sr. Concelleiro de Medio Ambiente, deron constantemente “largas”, dicindo que non estaban nin que tampouco sabían cando voltarían, ou que estaban ocupados en reunións, para acabar asegurando que non estarían dispoñíbeis para recibir cidadáns os tres próximos meses.

O venres día 29 varios membros do colectivo acudiron en persona a Concellaría de Medioambiente, operación que repetiron hoxe mércores día 4 de Xullo. Siguen a darnos largas e seguimos sen unha cita para poder expor o proxecto.

Eis o pobre concepto de participación cidadá que parece que ten este goberno municipal, que non respeita coa súa actitude os dereitos da cidadanía e que non admite que fale con el un grupo de cidadáns e cidadás que lle queren facer unha proposta de interese xeral e ao servizo do pobo da Coruña. Con actuacións así non se está a respeitar ás mais de cincuenta familias que desexan que na Coruña haxa hortas urbanas municipais, como pasa desde hai anos noutras cidades e vilas.

É moi deprimente ver como algúns cargos públicos ningunean e tratan aos cidadáns como se fosen súbditos do Medievo, cando todo cargo público deberían saber que é un simples administrador, e non un monarca ou un propietario dunha nstitución.

Mas o grupo de cidadáns e cidadás das “Hortas Urbanas da Agra” continuaremos teimando ao Concello até que se respeite o noso dereito á participación cidadá e a ser escoitada a nosa proposta.

Lémbrese que a Concellaría de Medio Ambiente ten orzamentados 180.000 euros para a creación de “huertos de ocio” en 2012, como se pode comprobar na páxina web do Concello. E que irresponsabelmente poden ficar sen gastar. E lémbrese tamén que o bairro da Agra do Orzán conta cun “Plan Urban” con máis de 11 millóns de euros para o seu desenvolvemento social e económico, e aínda parte desa cantidade está sen gastar.

Por outro lado, convén manifestar unha vez máis que o movemento cidadán do 15-M é aberto e plural, mais non partidario. A proposta de “Hortas Urbanas da Agra” é unha iniciativa do grupo 15M da Agra máis  participan cidadáns e cidadás de todas as condicións, procedencias e ideoloxías, que pertencen ou non ao movemento cidadán do 15-M –a grande maioría non está nel-, e que nin depende nin quere depender de ningunha organización política ou sindical.

 

 

Leave a Reply