“Conversa con Alba Castanedo, alumna de 1º de Bacharelato do IES Paseo das Pontes. O seu instituto deixará de impartir ensino secundario no vindeiro curso, para converterse en centro de FP, debilitando así a educación pública no barrio e na cidade da Coruña”

1.- Que pensas da situación?

O 8 de xuño enterámonos de que iamos ser trasladados, porque o noso centro íase converter nun instituto de FP. Ao comezo dixéronnos mentiras, que íamos ir todos e todas (incluso os profesores) a un mesmo centro. Logo resultou ser falso…

Os centros aos que puidemos solicitar entrada non cubrían as nosas expectativas, necesidades e non facilitaban a continuidade dos plans de estudo.

Non nos gustou nada o xeito no que nos trataron.

Somos 250 os alumnos que teremos que estudar noutro centro para o ano que vén, iso sen contar cos 50 rapaces que fixeran a preisncripción para comezar 1º de ESO no vindeiro curso, nin os que repetiron 2º de Bacharelato. .

No noso centro hai un feixe de aulas baleiras, é un edifico que ten 10 anos, polo tanto, está novo e conta cunhas instalacións magníficas. Ademais, é bastante grande e cabemos todos e todas no instituto por que só aumentan 44 prazas e non entendemos que desprazen ao alumnado da ESO e de Bacharelato, deixando a unha zona tan boa como a do Paseo das Pontes, que abarca moitas áreas de influencia, sen centro público, favorecendo aos catro centros concertados que están preto.

Ao principio déronnos a escoller entre dous centros, o Masculino e o Rafael Dieste, sen ter en conta se cumpren as nosas optativas ou, aínda máis grave, quitándonos o dereito de escoller o centro no que queremos estudar. Ademais, dixéronnolo en xuño aproveitando os exames finais e xa rematado o prazo de preinscrición nooutros centros.

O 23 de xuño comunicáronnos as bases para o reparto por centros: 1º Segundo zona (a min xa me conviña na que estou, igual que a maioría); 2º Se tíñamos irmáns noutros centros (resulta que xa estarían neste); 3º Sorteo por apelido. A conclusión a que cheguei é que fixeron o que lles deu a gana, incluso a xente que vivía ao lado do centro dos Rosales mandárona a outra punta da cidade.

2.- Tendes apoios de algún grupo ou colectivo?

Recibimos moito apoio de Esquerda Unida, do Bloque ( que presentou unha moción no rexistro municipal) e do PSOE. Pero non recibimos ningunha resposta por parte do goberno do Partido Popular, nin do alcalde Carlos Negreira.

En canto a sindicatos, destaca a axuda da CIG-Ensino que veu a todas as manifestacións, concentracións, estivo no centro dando apoio, e axudou en todo tipo de dúbidas. CC.OO e STEG tamén botaron unha man.

Todos eles, agás o PP, claro, estiveron con nós na manifestación do 18 de xuño en Santiago, puxémola un sábado para que puidera vir moita xente.

3.- Comunicástedesvos con máis centros?

Si pero estábamos en exames finais e iso complicouno todo un pouco. Traballamos todos en conxunto, e á manifestación do 18 de xuño só faltou o Politécnico de Lugo, que eu saiba.

4.- Os profesores tamén están mobilizados?

Algúns profesores si que participaron, acompañáronnos, apoiáronnos, loitaron e consideraron a situación para as notas finais. Dicir tamén que falaron con nós e nos dixeron que estaban moi agradecidos coa mobilización do alumnado, e tamén nos animaron a que non deixásemos os estudos porque estabamos en exames finais e non o podiamos esquecer.

A dirección portouse como debía, animándonos, apoiándonos.

Isto estámolo movendo as nais, os pais, o alumnado non só maior de idade, Nós por exemplo temos 16, 17 anos e estámonos movendo! Pero o profesorado tamén se move e ademais axuda, polo  menos no noso centro, non sabemos nos outros.

5.- En poucas palabras, que reivindicades?

QUE SE RESPETEN OS NOSOS DEREITOS, SOMOS PERSOAS. ESTO PUIDOSE FACER GRADUALMENTE, EN ETAPAS. TEMOS DEREITO A ELIXIR E PARECE QUE O FIXERON PARA INMPEDIRNOS ESCOLLER O MELLOR DESTIÑO.

6.- Como vos organizástedes?

Primeiro fomos polas aulas case tódolos días solicitando 1 ou 2 responsables por cada aula e xuntabámonos na sala de actas e coordinabamos as accións: manifestacións, concentracións, entrevistas de radio…

Ao rematar as clases perdemos este contacto pero continuamos na páxina de Facebook: REVOLUCIÓN PASEO DAS PONTES. Tamén en TUENTI (eventos, páxinas)

7.- Como vos trataron os medios de comunicación?

Avisamos a todos, pero responderon a súa maneira.

8.- Probástedes a facer unha acampada este luns día 4, ¿cómo vos foi?

Non funcionou, pero non por que a xente non quixese, se non por que non había xente abondo, xa que estabamos no verán e moitos marchan de vacacións

9.- Queres vir facer unha intervención na charla do día 14, as 19:30 sobre a vosa experiencia, para que se coñeza?

Si por suposto, contade comigo.


Leave a Reply