Este xoves 28 ás 19:30 temos unha charla temática sobre Igualdade. Contamos con varios colaboradores pra a mesma. Onte falamos con Paz e Xulia do Colectivo de Mulleres Tecendo Comunidade, que estarán para explicarnos a nova lei de Apoio á Familia aprobada o pasado 30 de xuño e as súas repercusions.


Esta Lei foi aprobada o 30 de Xuño polo goberno autonómico de Galicia, pouco despois de chegar ao goberno nas pasadas eleccións autonómicas, e que bota abaixo os avances do anterior goberno en materias de igualdade, protección contra a violencia, inserción social… O propio Consello Económico e Social de Galicia, un organismo pouco sospeitoso de ser radical, sinalou nun informe que supón un retroceso de cen anos. Os avances conquistados no pasado en materias como igualdade entre mulleres e homes, dereito ao aborto, dereito do traballo, vense afectados por esta norma, que é practicamente descoñecida para a sociedade.

Polo tanto, propóñennos unha charla participativa,  na que repartiremos fragmentos do texto desta lei, e tentaremos e a xente os lea con espírito crítico, para que se decaten dos retrocesos sociais que propicia.  Non é preciso facer unha lectura exclusivamente de xénero, compre facer unha lectura crítica xa que na redacción orixinal non parece ser tan lesiva para os dereitos mencionados e que tanto traballo custou a súa conquista. O máis visible, a liña que argumenta e fundamenta esta lei xira en torno ao “… maravilloso que é o papel das mulleres coma nais, coidadoras, cociñeiras e limpadoras no núcleo familiar…” pero, ben camuflado entre tanto retroceso ideolóxico, atopamos unha clara vontade de privatización e recorte de gasto social.

A lectura crítica sobre as repercusións desta lei lévanos a comprender a práctica neoliberal, de retroceso en avances sociais e de afondamento do abismo social entre os de arriba e os de abaixo. As privatizacións que xa están en marcha son as garderías, escolas infantís, centros de día, servizos de atención e inserción dos excluídos sociais… Estamos ante unha privatización encuberta que chega ata estremos absurdos.

Por exemplo, se houbese algún conflito entre unha parella, a encargada da mediación sería unha unha consultora privada, e podería chegar a decidir sobre a custodia dos fillos, un campo que debería estar reservado para o poder xudicial “– …é incrible unha empresa privada decidindo sobre quen custodia uns nenos… – coméntannos na entrevista”. A este organismo outórganselle competencias mediadoras mesmo en casos de violencia de xénero, coa fin clara de defender a continuidade da familia. Compre salientar que só se recoñece a parella heterosexual e noméanse as monoparentais, pero nin se mencionan as parellas de homosexuais ou calquera outra visión afastada do modelo patriarcal tradicional.

A lei é interfire tamén no proceso para abortar. Segundo a normativa estatal, despois de que unha muller solicita a interrupción do embarazo, o médico achégalle a información necesaria, e déixalle un prazo de tres días para reflexionar. En Galicia, a Xunta puxo esta labor de asesoramento en mans de Proyecto Madre, unha organización contraria ao aborto, que procura poñer todos os atrancos posibles no procedemento. “Sabémolo porque fixemos a proba, chamámolos, e tentaron ralentizar o proceso  e xerar incerteza, ata que pasase o prazo, e insisten en presentar a adopción como a mellor das alternativas, aproveitando que a muller está nun momento moi vulnerable”. Ademais, nesta Lei da Familia, establécese que unha muller embarazada xa é unha familia, “retrátanos como máquinas de parir”

O actual sistema social, a cada día dun xeito máis evidente, pon o centro na produción, no traballo asalariado, na dedicación exclusiva a alimentar co noso traballo as contas de beneficios duns poucos. Pola contra nos entendemos que o centro ten que ser sempre a vida e as relacións sociais liberadoras para todas e para todos, ademais é coñecido que o servizo público é máis eficiente e económico que o privado. A ética dos coidados, a economía dos coidados forman parte desta necesidade social dentro da responsabilidade colectiva que é compartida entre as persoas no seu eido persoal e polo Estado no tocante ao colectivo. A visión popular, solidaria e cooperativista que tanto custou acadar nos últimos 30 anos, vense desprazadas pola visión capitalista, pola busca de beneficios, de capital para desprazar aos competidores nuns mercados que se non existen, créanse artificialmente volvendo as épocas do “…bos usos e costumes, a muller na casa e o home traballando fora…”.

Non só imos coñecer os retrocesos desta lei, a medio prazo propóñennos que colaboremos no Observatorio que están construíndo, coa intención de de recoller todos os recortes que irán sucedendo na aplicación desta nova lei. Xa hai traballo feito, tanto en pequenos colectivos como por plataformas e organizacións coma A Marcha Mundial das Mulleres. O Observatorio funcionará según a xente que colabore con el pero a orientación que perseguen é que se faga un traballo por barrios, se é posible, por concellos e facendo as ligazóns con outras experiencias que xa levan funcionando anos coma Valencia ou Madrid, comunidades con longa traxectoria de goberno do PP. Aquí en Coruña toda a área social pasa a ser unha fundación, nada que ver co modelo social que tanto custou conseguir.

Leave a Reply