Somos un grupo de veciñas e veciños da Agra do Orzán, e estamos indignados,  por moitos motivos, como tantos milleiros e milleiros de persoas en Galicia, España e o mundo.

Movilizámonos desde o local, desde a expresión que as desigualdades  globais toman no noso barrio, pero compartimos demandas con toda a cidadanía.

Vivimos no barrio con maior densidade de  poboación da Coruña, 609 habitantes por hectárea, case o dobre que o  situado en segundo lugar, Os Mallos, e case seis veces máis que o  Ensanche. Non hai outra zona da cidade na que residan máis persoas da terceira idade, nin máis inmigrantes.

E, aínda así, vivimos nun barrio sen centro cívico, sen centro de día para as persoas maiores, e sen zonas  verdes, coa excepción da sempre saturada praza das Conchiñas.

Vivimos  nun barrio ignorado sistemáticamente polos plans de ordeamento  municipal, nunha zona na que o único gran investimento público da última década foi o centro Ágora, no que se investiron 8 millóns de euros en axudas europeas para o desenvolvemento urbano, e que seis meses despois  da súa inauguración oficial, permanece pechado.

Vivimos nun barrio que  acaba de quedar sen prazas para o ensino secundario, tras a conversión do IES Paseo das Pontes, un dos máis modernos da Coruña, nun centro  exclusivo de FP.

Estamos fartos de que o único lugar de  reunión para os veciños sexa a oficina do INEM.

Traballamos a carón do resto de asembleas dos barrios de vilas da Coruña, a carón do movemento 15-M no Estado, en torno ós 8+5 puntos aprobados na nosa asemblea e a carón de todos os indignados.  É o noso un traballo de vagar, pero constante, para facer, como di Stephane Hessel, “non o mellor dos mundos, senón un mundo viable”.

Asemblea da Agra do Orzán

O grupo de traballo se reúne todos os martes ás 20:00 no local de Própolis, na R/Barcelona 115 soto.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Leave a Reply