15 Outubro

 

O 15 de outubro, cinco meses despois do 15 M, o pobo saíu de novo á rúa para amosa-la súa indignación co sistema político e financeiro, pero nesta ocasión foi distinto, porque se produciu a primeira MANIFESTACIÓN MUNDIAL.

Crónica do 15-O.

Non existen precedentes ao que aconteceu o 15 de outubro. Por primeira vez na historia faise unha convocatoria conxunta de manifestación en todo o mundo. É moi difícil contar o número de cidades e en cantos países se secundou pero as cifras que se barallan son arrepiantes. O número máis estendido é o de 951 localidades de 82 países, aínda que houbo algunhas concentracións xurdidas no último momento sen convocatoria previa que indican que se podería ter pasado das 1000 manifestacións. O que si é claro é que a convocatoria foi un ÉXITO ROTUNDO, en maiúsculas. En todos os continentes, o pobo tomou a rúa baixo un lema común: Unid@s por un cambio global. O seguimento e repercusión nos medios foi dispar e os políticos encargáronse de facer coincidir, ao día seguinte, outras noticias que acaparen os informativos como por exemplo o anuncio dun debate entre Zapateiro e Rajoy ou o foro de San Sebastián. Afortunadamente, na era dixital, hai tantos “informadores” como persoas e tantas cámaras como teléfonos móbiles polo que non poden cala-la nosa voz nin poden pasar por alto o colapso de información sobre o 15-O na rede. Nunha manifestación, puidemos ver unha pancarta moi significativa ao respecto “Se non saímos nos xornais, sairemos nos libros de historia” e é que estamos no camiño de cambiar un sistema, de cambialo en todo o globo e de construír un mundo novo porque xa estamos fart@s. Porque somo-lo 99% e estamos a sufrir a crise que eles provocaron. Cada vez temos menos: menos dereitos, menos servizos, menos educación, menos hospitais, menos traballo, menos soldo, menos vivendas, menos atención social, menos democracia, menos, menos, menos… mentres que o 1% que provocou esta crise cada vez ten máis: máis diñeiro, máis propiedades, máis poder de decisión, máis inxección de capital, máis pensións millonarias, máis beneficios fiscais, máis, máis, máis. Pero hai algo moi importante que nós temos e a eles non, e aínda que o intenten, non nolo poderán quitar e é que temos a razón. Témola e somos o 99%, somos millóns de voces que non se renderán porque, lamentablemente, moitas delas xa non teñen nada que perder. De norte a sur, de leste a oeste, a loita segue custe o que custe.

En A Coruña a xornada empezou na praza de Pontevedra ás 12. Alí estivemos ata as cinco e media con charlas e convocando a cidadanía. A expectación era moi grande cando se achegaban as seis da tarde, hora da manifestación. Dende 4 horas antes, cincuenta ou sesenta estabamos na praza e ás seis menos cuartos aínda non se sumaran máis que unha ou dúas ducias de persoas. Ninguén sabía o que podía pasar, sería un fracaso de convocatoria?, ou sería outro éxito como o 19X contra o pacto do euro onde tres ou catro mil cidadáns e cidadás percorremos a cidade. Deseguida se empezou a encher a praza. As mellores previsións desbordáronse nuns minutos. Non cabía ninguén máis e dende as rúas adxacentes, moreas de persoas enchían as beirarrúas camiño á manifestación. Dende a praza de Pontevedra partimos emocionados polo seguimento masivo da convocatoria e percorremos a cidade ata María Pita. Dicir que dende a cabeza da manifestación non se vía a cola é quedarse moi curto porque a realidade é que non se vía nin de lonxe, a metade. A diferenza entre o inicio e o final da manifestación ao entrar en María Pita foi dun cuarto de hora. Cando saen as cifras de calquera convocatoria hai moita diferenza entre as “oficiais” (sempre á baixa) e as dos convocantes. Neste caso non hai cifra dos convocantes e os oficiais, da policía, son de entre 10.000 e 10.500 persoas. Non se pode dicir máis. Resulta curioso que debe ser a primeira vez que non hai datos de cifras globais nunha manifestación. Para saber cantos millóns de persoas se mobilizaron no mundo, practicamente hai que mergullarse polas webs e a prensa local de cada sitio. Iso si, abonda con poñer “participantes JMJ” en calquera buscador de internet e temos tódolos datos que queiramos e publicados en todos os medios que nos poidamos imaxinar. Está claro que hai información que non interesa dar a coñecer.

Só esperamos que algún día, cando escribamos sobre o sistema actual poidamos titulalo Crónica dunha morte anunciada.

Deja un comentario

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 28 diciembre, 2018 — Visitas totales: 11,525 — Últimas 24 horas: 3 — Conectados: 0