Asemblea Popular 3 de novembro

Este xoves día 3 de novembro, diante da Asociación de veciños no Campo de Marte, ás 19:30 h, temos Asemblea Popular. Haberá charla-debate sobre as eleccións do 20N, reforma electoral, sistema de reparto de escanos e alternativas. E ademáis, ¡¡MAGOSTO!!

(Engadido tra-las eleccións)

XA PASOU O 20-N. Grazas ao noso sistema electoral, tócannos 4 anos de maioría absoluta dun partido que ten o voto do 31% do censo electoral e o 44% dos votos emitidos, é dicir, ao que non votou, nin sequera, unha de cada 3 persoas con dereito a voto. É obvio que NON NOS REPRESENTAN.

¿Resultado das eleccións ou do Sistema Electoral? (Queres le-lo resto do artigo?)

Ultimamente non se fala doutra cousa, pero dende o #15M levamos chamando varios meses a atención da cidadanía sobre o inxusto sistema de repartición de escanos que existe en España. Varias organizacións e algúns partidos políticos (os máis prexudicados) reclamaron unha modificación da lei electoral para, entre outras cousas, corrixir o sistema de repartición de escanos e facelo máis proporcional. Estes días vimos multitude de artigos e gráficas explicativas sobre como quedou o Congreso dos Deputados e como debería ter quedado. Segundo onde o leamos, os resultados varían máis ou menos. Existen moitos métodos para repartir os escanos no Congreso e dende logo o que recolle a lei electoral, non é, nin moito menos o máis idóneo.

Por que non o é? Fundamentalmente por tres razóns:

1   As circunscripcións

2   O sistema d’Hont de reparto

3   A porcentaxe de exclusión ou barreira electoral.

Estes tres elementos inflúen por separado na repartición e a conxunción dos tres lévanos a que un partido con menos votos que outro poida ter máis escanos no Congreso ou que un partido co 40% dos votos poida ter maioría absoluta.

Como inflúe cada un destes tres elementos?

1   As circunscripcións.

Na actual lei electoral, nunhas eleccións xerais España está dividida en 52 circunscricións, as 50 provincias máis as dúas cidades autónomas de Ceuta e Melilla. Os partidos políticos que queren chegar ao Congreso poden presentarse en todas cantas circunscricións queiran (ou sexan capaces). En cada circunscrición, presentan unha lista de candidatos que só poden ser elixidos nela. De aí que cando recollemos a papeleta dun partido aquí, en A Coruña, a lista dese partido está conformada por políticos de aquí (da provincia). Cada provincia, reparte 2 deputados seguros e Ceuta e Melilla, un cada unha. Isto suma 102 deputados, quedando 248 máis a repartir, ata o total actual de 350, que se distribúen entre as provincias en función da súa poboación. De tal maneira que, por exemplo, en A Coruña, se elixen 8 deputados. Nas que máis, Madrid con 35 e Barcelona con 31. Nas que menos, Ceuta e Melilla con 1 cada unha, o que provoca que o partido que máis votos teña en Ceuta (aínda que gañe por unha papeleta), lévase ao único deputado que se asigna alí e o mesmo en Melilla, polo que todos os demais votos non valen para nada.

2   O sistema d’Hondt de reparto.

Este sistema ideouse hai máis de século e medio. É complicado explicalo nun parágrafo pero podemos afirmar que está pensado para que os que máis votos teñan estean sobrerrepresentados e os que teñan menos, infrarrepresentados, co suposto obxecto de favorecer a gobernabilidade en épocas complicadas, motivo polo que se adoptou en España. En resumo, elimina a representatividade dalgúns partidos, prexudica aos minoritarios e beneficia aos grandes para que non teñan que negociar moito ao haber menor número de partidos e a maioría deles con representación insignificante. Encamiña o bipartidismo.

3   A porcentaxe de exclusión ou barreira electoral.

Esta porcentaxe non está contemplada no sistema d’Hont, é un elemento alleo. Na lei electoral recóllese que calquera partido que non teña, polo menos, o 3% nunha circunscrición determinada, queda descartado nesa circunscrición. Non sempre é así, pois as leis electorais que regulan as eleccións autonómicas en cada autonomía son distintas; hai comunidades que recollen un 5%, outras un 6%, outras teñen máis dun baremo.

A suma destes tres elementos provoca que a representación no Congreso non se corresponda coa realidade do voto.

Na primeira columna da táboa que expoñemos, vese o resultado real destas eleccións. Por que un partido con 333.628 votos ten máis escanos que un partido con bastante máis do triplo de votos (1.140.242)? Polo sistema de circunscricións sumado ao sistema d’Hondt. A lectura máis rápida é que o primeiro deles ten o voto moi concentrado, é dicir, eses trescentos e pico mil votos obtívoos en só 4 circunscricións, polo que en cada unha delas é un dos partidos fortes e se ve beneficiado polo sistema d’Hondt. O segundo partido, con máis dun millón cen mil votos, conseguiunos repartidos en 52 circunscricións, polo que en cada unha delas é un partido minoritario e en 50 das 52 os seus votos non serven de nada, pois non chega en ningunha delas a obter un deputado.

Cales son as propostas para cambiar isto?

Hai moitas propostas e moitas fórmulas para que a repartición sexa máis xusto, para que a proporción de deputados que ten un partido sexa o máis aproximada posible á porcentaxe de votos obtida. Unha das fórmulas máis sinxelas para cambiar estes elementos sería:

1 Elimina-las múltiples circunscricións e facer de todo o territorio unha circunscrición única.

Cambia-lo sistema d’Hondt por outro de repartición máis proporcional. Un deles é o coñecido como resto maior. Non pode ser máis sinxelo. Imos facer unha breve descrición e velo cun exemplo. Contabilízase o total de votos e divídese entre o número de deputados a repartir (neste caso, 350). O resultado será o número de votos que “vale” cada escano. Feito isto, asígnase a cada partido o número de escanos que lle corresponde dividindo os votos que obtivo entre o “valor” de cada escano. Unha vez que se asignan todos, como as divisións non nos darán cifras exactas, quedará unha serie de escanos por repartir. Iranse asignando dun nun ao que ten o resto maior, é dicir, ao que lle “sobraron” máis votos despois da repartición.

Vexámolo cun exemplo:

Temos 5 escanos. Os votos repartíronse así: partido A 100.000 votos; partido B, 65.000 votos; partido C, 55.000 votos e partido D, 30.000 votos. Total, 250.000 votos, entre 5 escanos =50.000 votos necesarios para obter un deputado. Ao partido A, asignámoslle os 2 escanos que lle corresponden aos seus 100.000 votos, polo tanto, usou todos os seus votos e o seu resto é 0. Ao partido B asignámoslle un escano (50.000 votos) pero como tiña 65.000, quédalle un resto de 15.000 votos. Ao partido C asignámoslle 1 escano e quédalle un resto de 5.000 votos e o partido D non ten os votos suficientes para obter un escano (50.000) polo que ten un resto de 30.000 (todos os seus votos). Repartimos 4 escanos, así que nos queda un por repartir. Darémosllo ao que teña o “resto maior”, ao que lle sobraron máis votos, neste caso, o partido D con 30.000. Resultado: A=2; B=1; C=1; D=1. Co sistema d’Hondt, o partido A tería comido o quinto escano co resultado de: A=3; B=1; C=1; D=0. Con ese sistema habería un partido menos con representación e o partido A tería unha maioría absoluta co 40% dos votos.

3   Elimina-la porcentaxe de exclusión. Se houbese unha circunscrición única sería obrigatorio, posto que un escano valería o 0,29% dos votos (aprox.). Polo tanto, non se podería eliminar a ninguén cun 1% (xa que lle corresponderían 3 escanos máis ou menos), moito menos cun 2 ou un 3%. De feito, nestas eleccións, só 5 partidos tiveron máis do 3% dos votos.

O resultado das eleccións, con estes cambios, sería o que vemos na segunda columna da táboa.

Así é noso sistema electoral e esta é unha das formas de cambialo. Hai outras moitas fórmulas, por exemplo, mesmo sistema de repartición e que o voto en branco conte para o Congreso, é dicir, que haxa o equivalente en escanos baleiros (terceira columna da táboa). Outras fórmulas apuntan por camiños intermedios, como que a circunscrición non sexa única pero non haxa tantas, por exemplo, circunscrición autonómica. Outras opcións intermedias serían que unha parte dos deputados se asignasen por provincia (por exemplo un) e o resto, a nivel nacional, etc. Hai moitas fórmulas e a que temos é, sen lugar a dúbidas, unha das peores.

Entón, por que non se modifica?

Porque este sistema mantén o bipartidismo, obviamente, o bipartidismo mantén este inxusto sistema.

Deja un comentario

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 28 diciembre, 2018 — Visitas totales: 11,466 — Últimas 24 horas: 1 — Conectados: 0