Stop Desafiuzamentos contra Bankia

Stop Desafiuzamentos A Coruña levou a cabo o martes 17 un novo acto público de protesta. Nesta ocasión tratouse dunha concentración contra a entidade Bankia (antiga Caixa Madrid) na Avenida Fernández Latorre, número 132. O motivo é que unha familia de Oleiros, cun préstamo hipotecario de 63.000 €, avalado coa vivenda da súa familia, taxada en 114.000 €, non puido facer fronte aos pagamentos da hipoteca, cando a cantidade debida era de 54.000 €.

 A familia tratou de negociar a reunificación de débedas con Bankia para poder seguir facendo fronte ás súas obrigas, e o banco pediulles que anticipen diñeiro para poder facer a reunificación. Tras ingresar máis de 25.000 €, encontráronse finalmente con que Bankia se nega a facelo e realiza a execución hipotecaria.

Ante esta situación, a familia buscouse outra vivenda en aluguer á que comezaron a trasladar os seus aparellos persoais. Non obstante, e a pesar das informacións que lle achegaron no xulgado, de que previo ao desafiuzamento, recibirían a orde de lanzamento, un día, sen que lles tivesen notificado nada, encóntranse con que o fecho fora cambiado polo xulgado nun momento no que eles non estaban na casa.

O día 22 de decembro Stop Desahucios presentou un escrito na sede de Bankia, no que esixían a condonación de todas as débedas coa entrega da vivenda, e que o resto dos seus aparellos persoais lles fosen devoltos. Pero a directora díxolles que xa non poden aceptar a dación en pagamento (o cal é falso).

Actualmente viven de aluguer nun piso a escasos metros da vivenda que foi da súa propiedade durante 17 anos e que agora pertence ao banco. Contaron como mesmo recibiron unha carta, na caixa de correo da súa antiga casa, de Bankia, informándoos de que teñen un descuberto de 0,83 céntimos na conta.

TODO O NOSO APOIO A STOP DESAFIUZAMENTOS.

Deja un comentario

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 28 diciembre, 2018 — Visitas totales: 11,466 — Últimas 24 horas: 1 — Conectados: 0