Asemblea Popular 2 de febreiro


ESTE XOVES, DÍA 2 de febreiro, Asemblea Popular de Monte Alto, ás 7 e media da tarde, no Campo de Marte, diante da asociación de veciños.

Asemblea Popular e temática: BANCA ÉTICA.

Le o resto do artigo pois te-lo resumo da charla (publicado no boletín) e as novas publicadas no xornal La Voz de Galicia ás que nos referimos no mesmo boletín, no artigo “O 15M e os Medios de Comunicación“.

1.- BANCA ÉTICA:

Sendo o contexto financeiro certamente desalentador, e tendo unha convocatoria de boca-orella e sobre todo a través de redes sociais, xa que ningún xornalista ousou aparecer pola porta, destacouse o cheo total, con máis de 70 persoas sentadas e case 15 de pé, o cal dá unha idea do cansazo xeneralizado por parte de moitas persoas sobre as formas habituais de actuación por parte da banca convencional.

E que é isto de Fiare? Pois é unha iniciativa, xurdida xa no ano 2003, de creación dun banco ético, que dea crédito de forma restritiva, pero canalizando os cartos cara proxectos transformadores. Deste xeito, xa durante o ano pasado concedeu préstamos por importe de máis dun millón de euros mensualmente a iniciativas de loita contra a exclusión social, de cooperación ao desenvolvemento e comercio xusto, de agroecoloxía e de promoción de valores solidarios.

Este impacto en facer unha economía solidaria é moi destacable, e máis aínda ao partir dunha actividade bancaria. Un dos piares precisamente vén da rexeneración social da que Fiare non quere ser un mero espectador, senón colaborador necesario e directo de que son válidos outros xeitos de facer economía, onde a persoa sexa o centro, e non somentes o capital.

Outro valor relevante no quefacer deste proxecto de banca ética vén dado da proximidade e cercanía das bases que forman parte de Fiare, respecto ao tecido social en cada territorio. É dicir, que o feito de coñecer de preto a colectivos, asociacións e entidades, e sobre todo a súa forma de traballar con respecto aos traballadores, ao medio ambiente e, en xeral, aos fins de Fiare, fai que a taxa de morosidade dos préstamos sexa moi inferior ao 1%, moi afastada dos 7-8% que rolda a banca convencional. Por isto, un requisito para poder prestar cartos é que as entidades e persoas destinatarias estean vencelladas a algunha rede solidaria, no campo de actuación correspondente á súa actividade económica, ou que formen parte de Fiare. E iso precisamente chama a atención por canto vén a fomentar que fronte á exclusión social e económica de moitas persoas, se queira animar a crear redes solidarias, economía de proximidade e favorecer relacións interpersonais humanizadoras.

Para facer isto de forma legal, Fiare ten asinado un acordo coa Banca Popolare Ética, un banco italiano de referencia para o terceiro sector, do que é axente financeiro en España, co cal está lexitimado para ofertar produtos propios de Fiare en todo o territorio. Non só é posible pedir cartos, senón que ofértanse depósitos, con máis ou menos intereses dependendo dos periodos de tempo que se desexe deixar os cartos. Con datos na man de agosto de 2011, xa se levan recadados máis de 30 millóns de euros en aforro de particulares e entidades, o que dá unha idea da dimensión e o espallamento que está a ter de facto.

Pero ollo!, é posible incluso que as persoas que deixan os seus cartos en Fiare, opten por non cobrar os intereses dos seus depósitos, elixindo en concreto ás entidades que teñen algún convenio de colaboración con Fiare, na libreta denominada Redes. Isto xa traspasa o ámbito capitalista para entrar de cheo nunha esfera parabancaria: no caso concreto de que unha entidade que non teña un proxecto económico excesivamente viable financeiramente, ou ben con escasos activos para facer fronte ao préstamo, lle pida cartos a Fiare, esta ten que avaliar tamén a viabilidad económica, diso non cabe dúbida. Pero no suposto de que non sexa posible que esa entidade solicitante entre nas condicións de Fiare, si pode entrar ese préstamo… axudado polos intereses que os depositantes na libreta Redes prefiren non dispor e ceder a outras entidades sociais.

Por outra banda, unha das características principais que caracteriza a Fiare é que a toma de decisións é participativa, que a transparencia é consustancial a todas as deliberacións e acordos que se adoptan (e hai un Comité de Ética que vela polo seu cumprimento), o filtro ético das entidades financiadas, a actuación ao servizo da xustiza, a participación de redes cidadás e a actividade rendible pero non lucrativa. E isto non son palabras bonitas, senón que se plasma na práctica: todo proxecto que se presente para pedir préstamo, necesariamente ten que ser aprobado por unha Comisión ético-social da zona onde estea o solicitante dos cartos, que avalía que este cumpre coas condicións que impón Fiare.

Quizais o que chama a atención é que este proxecto de banca ética xurdiu dende abaixo, de grupos e colectivos pertencentes ao tecido social e asociativo a nivel estatal, e no que conflúen, con datos a 31 de agosto de 2011, 2.046 persoas e 282 entidades e colectivos. En Galiza hai na actualidade 25 persoas xurídicas, que abranguen grupos ecoloxistas (Adega, Verdegaia, Sociedade Galega de Educación Ambiental), sindicais (Sindicato Labrego Galego), comercio xusto (Amarante, Solidariedade Internacional), consumo responsable (Panxea, Zocamiñoca, Árbore), cristiáns (Parroquia Cristo da Victoria de Vigo, Arela, Irimia), cooperación (Enxeñería sen fronteiras, Altermundo), etc.

Ben, pensará alguén xa: e podo deixar os meus cartos alí? Si, pero non domiciliar nóminas, nin ter banca virtual, nin tarxetas visa, nin… Lóxico, un gran non fai celeiro pero axuda ao compañeiro… Fiare atópase na fase de captar capital social, é dicir, de que cantas máis entidades comprometidas coa transformación da sociedade queiran formar parte de Fiare, máis forte e resistente ante perdas ou problemas financeiros será.

E dende logo que máis de 126 proxectos, por un valor superior a 26 millóns de euros, tiveran o apoio económico de Fiare, garanten o fluxo cara a proxectos solidarios, e máis aínda nestes intres de pechar billas a niveis financeiros. Con dicir que neste ano 2011 cada mes se ten derivado en préstamos 1 millón de euros, podemos visualizar o impacto positivo e, sobre todo, de tamaño considerable, que se está a provocar no día a día.

Para máis información:

http://www.fiaregz.com/
http://www.fiare.org/

Correo electrónico de contacto:
grupocoruna@fiaregz.com

 

2.- O 15M e os Medios de Comunicación:

Só tres persoas acoden a defender a sanidade pública“. Así titulaba o xornal La Voz de Galicia do 16 de xaneiro a noticia acerca da repercusión na cidade da convocatoria que o 15M e colectivos afíns lanzaron en toda España para o domingo 15.

(Aquí tes o enlace a esa nova no xornal. 16 de xaneiro)

Máis de 200 persoas marcharon en apoio da sanidade pública“. Así titulaba o xornal La Voz de Galicia do 17 de xaneiro a noticia acerca da repercusión na cidade da convocatoria que o 15M e colectivos afíns lanzaron en toda España para o domingo 15.

(Aquí tes o enlace a esa nova no xornal. 17 de xaneiro)

Non é preciso dicir máis para facernos unha idea da credibilidade dun dos principais medios de comunicación da Coruña e de Galicia.

Le o resto do noso artigo no boletín de febreiro-2012.

Deja un comentario

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 28 diciembre, 2018 — Visitas totales: 11,466 — Últimas 24 horas: 1 — Conectados: 0