8 de marzo. Día Internacional da Muller


ESTE XOVES, DÍA 8 de marzo no Día Internacional da Muller, concentración ás 8 da tarde diante da Delegación do Goberno (Pza. de Ourense).

 

NIN COIDADORAS ETERNAS NIN ESCRAVAS DO SISTEMA.

Velaí o manifesto.

 

Partimos de recoñecer o esforzo e a loita de milleiros de mulleres para acadar os dereitos dos que hoxe gozamos, a pesares de estar aínda moi lonxe dunha sociedade verdadeiramente xusta e igualitaria.

E agora, no escenario actual cando o sistema capitalista está inmerso nunha profunda crise, os gobernos ao servizo de empresarias/os e banqueiras/os pretenden saír desta impoñéndonos un retroceso histórico nas nosas condicións de vida e posicións social; xa que lle impón ás mulleres a desigualdade salarial, a precariedade e o paro, tentando eliminar os poucos dereitos de igualdade conquistados.

Por isto mesmo, neste 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, queremos denunciar o dobre discurso que, no contexto actual de crise capitalista e políticas de recortes, están a desenvolver as autoridades públicas (gobernos da UE, Estado e CCAA):

Por un lado, falan de igualdade e por outro destrúen tódolos servizos e institucións que se adicaban a promover e traballar por esa igualdade: Ministerio de igualdade, Servizo Galego de Igualdade, Centros de Información da Muller;

Por un lado magnifican o papel da familia patriarcal, e eliminan os dereitos individuais da muller, como o do aborto ou o acceso a métodos contraceptivo e aparvando leis retrógradas como a Lei da Familia da Xunta.

Por un lado, están a dicir que hai que fomentar a natalidade, e logo limitan os permisos de lactancia, retiran as xa ridículas axudas ás familia, privatizan o servizos de coidados, etc. Se ben consideramos que a maternidade é unha decisión e opción das mulleres, todas estas medidas están a limitar os desexos de moitas mulleres, que querendo ser nais, non poden asumilo ante a falta de políticas axeitadas que lles permitan exercer o dereito a maternidade, sen renunciar por elo ao seu desenvolvemento social, persoal e laboral.

Por un lado, falan de co-responsabilidade entre homes e mulleres e da conciliación da vida social e laboral, e logo privatizan a rede de garderías públicas, atrasan a ampliación dos permisos de paternidade e non permiten a acumulación por coidado de menor ou familiar a cargo.

Por un lado, se lles enche a boca falando de axudas ás mulleres que sofren violencia machista, e por outro lado eliminan os Puntos de Información á Muller, as oficinas de I+B, desmantelan os servizos de denuncia e axuda a esas mulleres, e privatizan as casas de acollida.

Falan da importancia dos nosos maiores, pero despois se paraliza a lei de dependencia, se privatizan os centros de día, os xeriátricos e atención a domicilio, feitos que nos seguen facendo eternas coidadoras e limitan aínda máis as nosas vidas e as das nosas anciás, que  seguen a ser as que se encargan dos coidados nas familias.

Falan de maximizar os servizos de sanidade, e despois eliminan servizos de lactancia, educación para a maternidade, e reducen os medios para a prevención do cancro de mama, os servizos de atención á menopausa.

Todos estes recortes en políticas de igualdade mais a conxelación do salario e das pensións nos fan cada vez mais pobres cun 66% en situación de grave exclusión social.

A reforma laboral ven a afectar gravemente a todas as persoas, e de xeito máis específico ás mulleres, xa que partimos dunha situación de desigualdade respecto dos homes, con maior temporalidade laboral, a maioría dos contratos a tempo parcial (cos conseguintes dereitos parciais), maior desemprego, maior número de despedimentos, cobramos un 22% menos que os homes de media polo mesmo traballo, e se están a facer graves recortes nos sectores públicos máis feminizados como a sanidade e a educación, sumando a isto ás tácticas de desprestixio e acoso aos servizos públicos.

Denunciamos ademais que o “novo” ideario dos políticos dos gobernos de Europa está a coincidir coa crueldade e inxustiza do sistema neoliberal e capitalista, que a súa vez ven a alimentar cada día máis a sociedade patriarcal e a garantir os intereses dos poderosos: bancos, Igrexa, grandes empresas…

Nós, traballadoras todas, con ou sen emprego, migrantes e autóctonas, coidadoras, xóvenes, anciás:

Rexeitamos este sistema que se alimenta da explotación dos seres humanos, e da natureza, que aposta pola morte para xerar beneficios económicos para unha minoría da poboación,

Reivindicamos un cambio de rumbo radical, no que a vida, o benestar e a igualdade sexan o centro de tódalas decisións políticas.

Reivindicamos que o nos corpo é noso e temos dereito a vivilo como nos pete;

Somos nós as únicas soberanas para tomar decisións sobre o mesmo, para decidir sobre a nosa maternidade, e contar con apoios necesarios para exercela ou non.

Así as políticas públicas teñen a obriga de acompañar a toma de decisións de cada muller e non a ideoloxías relixiosas concretas.

A nosa aposta, a aposta feminista para toda a humanidade é radical, e non pode ser doutro xeito, porque radical e ir a raíz dos problemas, e iso pasa por construír un cambio cultural, económico e social no que o primordial sexan a vida o benestar, a a liberdade e igualdade de tódalas persoas.

Acude á concentración na Praza de Ourense as 20h o 8 de marzo

NIN ETERNAS COIDADORAS,

NIN ESCRAVAS DO SISTEMA!

VIVA A LOITA DAS MULLERES!

15M-REDE DE BARRIOS E VILAS DA CORUÑA

Lembrade que o domingo 11, ás 12:00h,  manifestación nacional en Santiago, dende a estación do tren.

Deja un comentario

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 28 diciembre, 2018 — Visitas totales: 11,432 — Últimas 24 horas: 2 — Conectados: 0