Archivo de enero de 2013

Asemblea Popular de Febreiro

 

Este mes a temática da asemblea será o cambio de normativa de regulación das pensións, co que entra en vigor a xubilación ós 67 anos e outras medidas que trataremos polo miúdo o mércores 6 no Campo de Marte (ás 19.30h).

 

Aínda que o habitual é que organicemos as nosas asembleas para o primeiro xoves de cada mes, desta vez cambiamos a data para poder participar durante a tarde do día 7 da manifestación que servirá de colofón á folga estudantil. Queremos aproveitar a ocasión para amosar o noso apoio a esta folga, que terá lugar os días 5, 6 e 7 de Febreiro, e que busca facer fronte á inminente reforma educativa (a chamada Lei Wert), abertamente reaccionaria.

PAC (Puntos de Atención Continuada)

EXPERIENCIA DUN MÉDICO RURAL

Son médico nun PAC de alta montaña.

Cóntovos a miña experiencia, sobre todo para os que descoñecen cal é o noso labor, en lugares con gran dispersión xeográfica e poboación claramente envellecida, como tantos outros municipios de España, que ven ameazados os seus servizos de urxencias en horario nocturno.

Non se pode comparar con núcleos máis poboados e urbanos en ningún sentido. A eficiencia do centro e a súa necesidade non se pode valorar pola afluencia. Nunca vai ser como a doutras zonas urbanas, en primeiro lugar porque a poboación é máis escasa. Iso está claro.

Un lugar como no que eu traballo implica grandes desprazamentos cando temos que asistir a unha persoa nun domicilio, algúns domicilios están mesmo a máis dunha hora de camiño en coche ou en ambulancia dende o PAC, ao que hai que sumar logo o tempo de traslado ao Hospital máis próximo se é necesario. Co cal a asistencia a un paciente, entre que chegamos ao domicilio, atendelo e trasladalo pode levarnos ata 3 horas.

Por outra parte a asistencia en domicilios é moi frecuente, xa que a poboación de máis de 80 anos é unha proporción moi alta dos nosos pacientes. Ademais da distancia hai que contar con que o inverno é moi duro, con neve e xeadas que dificultan aínda máis a chegada aos domicilios por estradas secundarias, (que non sempre están nas mellores condicións) polo que a xente está moi agradecida e séntense seguros de ter un servizo de urxencias relativamente preto. Nestes centros non se pode considerar pouco eficiente que só haxa 1 ou 2 urxencias de noite, ademais esa asistencia pode significar horas da nosa atención se temos que desprazarnos.

No noso PAC ademais acoden pacientes polos seus propios medios ao centro, algúns desprázanse máis de 30 quilómetros por estrada secundaria, se a súa patoloxía non fai necesario que acudamos ao seu domicilio.

É importante que esteamos aí.

Moitas veces somos un punto intermedio entre o domicilio do paciente e o hospital, pero nin moito menos a nosa función soamente consiste en isto: en ver infartos, facer os primeiros auxilios e trasladar ao hospital eses pacientes, que tamén….

Precisamente unha das nosas funcións é atender patoloxías e situacións que non precisan hospitalización pero si son unha urxencia: contusións, feridas sobre todo con aparellos de labranza, infeccións que non precisan ingreso, etc. Unha das consecuencias dos peches destes pequenos centros sería máis saturación no hospital, por problemas que non son subsidiarios de tratarse nun hospital.

Ante a crecente alarma de peches de PACS en toda España, a verdade é que non me imaxino unha área tan extensa como a que nós cubrimos, sen un servizo de urxencias relativamente preto.

Mercadiño de Troco (26 de Xaneiro)

 

Este sábado 26 de Xaneiro organizaremos o primeiro Mercadiño de Troco do ano 2013. Como vén sendo habitual, estaremos no Campo de Marte das 12h da mañá ata as 14h do mediodía.

 

Traede cousas que xa non usedes e levade aquelas que vos interesen!

As actas do 2012 xa están dispoñibles

Xa están dispoñibles, na sección de Actas, todas as correspondentes ao ano 2012 (tamén se pode acceder facendo click na imaxe da esquerda).

Congratulámonos pola perseverancia de nos reunir periódicamente durante o ano pasado. Porque, como di unha coñecida cita célebre: <<A perseverancia é a virtude pola cal todas as outras virtudes dan o seu froito.>>

Descosendo nas rebaixas (1ª acción do boikot a Inditex)

 

Fart@s de que o Grupo Inditex sexa considerado polos medios e os gobernos galego e español coma exemplo de triunfo e desenvolvemento empresarial, distintos colectivos e persoas da Coruña e área metropolitana levaremos a cabo o vindeiro 12 de xaneiro o a nosa primeira acción reivindicativa:

DESCOSENDO NAS REBAIXAS!

 

En contra do que os medios queren facernos crer, Inditex non deixa de ser un dos maiores exemplos de salvaxismo capitalista no que a economía, en lugar de estar ao servizo do ben común de todas e todos, explota ás persoas e á natureza tratándoas coma simples materias primas das que obter os maiores beneficios para unha minoría que cada día ten máis.

Por iso, queremos invitarvos a que veñades con nós á presentación da nosa campaña de boikot e esixirlle ó Grupo Inditex que cese nas súas prácticas de explotación que somentes lles dan proveito aos seus diretivos a costa do traballo do pobo.

Orzamentos 2013

 

Os obxectivos do déficit para o ano 2013 impostos polo estado e pola Unión Europea obrigan a pechar o ano no 0,7%. Para a consecución deste obxectivo redúcense os orzamentos en máis de 463 millóns de euros.

De onde saen?

145 millóns de Sanidade

  • 153 millóns de Cultura e Educación.
  • 22 millóns das Universidades
  • 170 millóns de políticas laborais e benestar social.
  • 227 millóns de redución de persoal.

Desaparece, tamén dos orzamentos, a Residencia Universitaria da Universidade da Coruña.

Xunto a estas políticas redúcese unha media de entre o 4% e o 5% os salarios dos traballadores e traballadoras da Administración Pública autonómica.

Como se pode observar os recortes superan de lonxe os requirimentos. Quérese facer colchón.

Mentres que isto ocorre, o gasto en asesores, amigos e compadres, da Presidencia aumenta nun 15,8%.

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 22 noviembre, 2017 — Visitas totales: 9,947 — Últimas 24 horas: 2 — Conectados: 0