PAC (Puntos de Atención Continuada)

EXPERIENCIA DUN MÉDICO RURAL

Son médico nun PAC de alta montaña.

Cóntovos a miña experiencia, sobre todo para os que descoñecen cal é o noso labor, en lugares con gran dispersión xeográfica e poboación claramente envellecida, como tantos outros municipios de España, que ven ameazados os seus servizos de urxencias en horario nocturno.

Non se pode comparar con núcleos máis poboados e urbanos en ningún sentido. A eficiencia do centro e a súa necesidade non se pode valorar pola afluencia. Nunca vai ser como a doutras zonas urbanas, en primeiro lugar porque a poboación é máis escasa. Iso está claro.

Un lugar como no que eu traballo implica grandes desprazamentos cando temos que asistir a unha persoa nun domicilio, algúns domicilios están mesmo a máis dunha hora de camiño en coche ou en ambulancia dende o PAC, ao que hai que sumar logo o tempo de traslado ao Hospital máis próximo se é necesario. Co cal a asistencia a un paciente, entre que chegamos ao domicilio, atendelo e trasladalo pode levarnos ata 3 horas.

Por outra parte a asistencia en domicilios é moi frecuente, xa que a poboación de máis de 80 anos é unha proporción moi alta dos nosos pacientes. Ademais da distancia hai que contar con que o inverno é moi duro, con neve e xeadas que dificultan aínda máis a chegada aos domicilios por estradas secundarias, (que non sempre están nas mellores condicións) polo que a xente está moi agradecida e séntense seguros de ter un servizo de urxencias relativamente preto. Nestes centros non se pode considerar pouco eficiente que só haxa 1 ou 2 urxencias de noite, ademais esa asistencia pode significar horas da nosa atención se temos que desprazarnos.

No noso PAC ademais acoden pacientes polos seus propios medios ao centro, algúns desprázanse máis de 30 quilómetros por estrada secundaria, se a súa patoloxía non fai necesario que acudamos ao seu domicilio.

É importante que esteamos aí.

Moitas veces somos un punto intermedio entre o domicilio do paciente e o hospital, pero nin moito menos a nosa función soamente consiste en isto: en ver infartos, facer os primeiros auxilios e trasladar ao hospital eses pacientes, que tamén….

Precisamente unha das nosas funcións é atender patoloxías e situacións que non precisan hospitalización pero si son unha urxencia: contusións, feridas sobre todo con aparellos de labranza, infeccións que non precisan ingreso, etc. Unha das consecuencias dos peches destes pequenos centros sería máis saturación no hospital, por problemas que non son subsidiarios de tratarse nun hospital.

Ante a crecente alarma de peches de PACS en toda España, a verdade é que non me imaxino unha área tan extensa como a que nós cubrimos, sen un servizo de urxencias relativamente preto.

Deja un comentario

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 28 diciembre, 2018 — Visitas totales: 11,466 — Últimas 24 horas: 1 — Conectados: 0