23F – Non ó golpe de Estado financeiro

Desde diversos colectivos cívicos e movementos sociais da cidade da Coruña decidimos convocar, o sábado 23 de Febreiro, una mobilización que se quere converter nunha “marea cidadá“ de indignación e protesta contra os recortes, a corrupción e o espolio programado do público.

A galopante corrupción, a conivencia dos poderes políticos coa presión dos mercados, a débeda ilexítima  criada polo propio sistema financeiro especulativo ou as brutais políticas de austeridade dirixidas contra as maiorías sociais son consecuencias dun sistema de organización económica e política, o neoliberalismo, que  goberna e nos  golpea, sen lexitimidade, desde os poderes  públicos que nos deberían defender.

O intento do desmantelamento do público, coa ofensiva contra a Sanidade e a Educación, o ataque  aos dereitos laborais e sociais, ao medio ambiente ou o desemprego son xa elementos cotiás na nosa cidade. Pero tamén o son as repostas cidadás. Loitas dignas como a dos traballadores e traballadoras do CHUAC  defendendo os seus postos de traballo pero tamén unha sanidade pública e universal, a defensa do mantemento do COF, os veciños de Durmideiras loitando na contra da especulación urbanística, a loita das veciñas e veciños de Monte Alto en defensa da nosa biblioteca e un longo etc. Todo isto debuxa un mapa, de resistencias ante as políticas austericidas da dereita cléptrocrata no poder na cidade, no país e no Estado.

Facemos, pois , un chamamento á confluencia de aqueles colectivos e cidadáns particulares que nos vemos violentamente afectados polas políticas de recortes e o saqueo programado do público, que se está a exercer dende o poder político institucional. E chamamos entón a tomar as rúas este  23F contra a corrupción, por unha saída social da crise, contra a débeda ilexítima, as políticas neoliberais e os recortes e, ó cabo, pola construción dunha cidade, dunha sociedade baseada nos dereitos socias, na igualdade e na xustiza social.

En defensa da democracia, a liberdade, e os dereitos sociais.

Non ao golpe de estado  financeiro.

Paremos o  réxime corrupto.

Non debemos, non pagamos.

Un comentario para “23F – Non ó golpe de Estado financeiro”

Deja un comentario

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 28 diciembre, 2018 — Visitas totales: 11,471 — Últimas 24 horas: 0 — Conectados: 0