O 8 de marzo non é un día, é toda unha vida

O título deste texto procede da iniciativa dos grupos feministas da cidade de organizar actividades que leven as reivindicacións do feminismo máis aló da institucionalización dun día da Muller Traballadora. Para máis información, pódese visitar o blog do Observatorio Feminista de Saúde: http://feminismoesaude.blogaliza.org/

 

No actual momento de crise das institucións –nós defendemos que non é unha crise, que é o sistema– pódese observar unha tendencia preocupante a sacrificar todo tipo de avances sociais en pos de manter as xerarquías e as posicións de poder dunha minoría. Vémolo no eido do ensino, das relacións laborais, do dereito á sanidade, e vémolo tamén en ámbitos máis invisibilizados, como é a posición que ocupan as mulleres na sociedade.

 

Tradicionalmente as mulleres cargan coa responsabilidade do ámbito doméstico, e polo tanto de traballos considerados tradicionalmente non produtivos (os asociados ós coidados e ó ámbito do privado: traballo en casa, atención a menores, xente maior ou familiares dependentes, etc.). A figura da muller calada, sumisa, resignada, era e segue a ser considerada a garante da estabilidade familiar.

 

No momento álxido do Estado de Benestar leváronse a cabo medidas de conciliación que permitiron ás mulleres incorporarse ó mercado do traballo asalariado, no nome dunha suposta igualdade que non era outra cousa que someter a unha grande parte da poboación ás dinámicas produtivas capitalistas. As mulleres gañaban certa independencia económica a pesares de ser man de obra barata, pois os soldos non deixaron de ser máis altos para os homes. O que se nos vendeu coma o grande avance na igualdade non era máis que o paso de ser unha paria do sistema a ser unha cidadá de segunda.

 

A día de hoxe, a tala do Estado de Benestar a base de recortes no social está a eliminar esas mínimas medidas de conciliación familiar, devolvendo ás mulleres a unha situación de precariedade laboral e persoal. A sociedade, non nos enganemos, non deixa de ser machista, como podemos observar nun par de exemplos bastante sonados e próximos:

 

· Centro de Orientación Familiar (COF):

O SERGAS decide deixar baleira a praza de xinecoloxía do COF do Ventorrillo, o cal deixa a 152 mil mulleres de 32 municipios da Coruña con somentes 2 especialistas do COF de Orillamar para atender revisións xerais e atención primaria nesta especialidade, coas evidentes consecuencias de aumento da lista de espera (que xa era de 6 meses no Ventorrillo e 1 ano en Orillamar) e sobrecarga de traballo para o persoal sanitario. Precarízase entón un servizo que xa estaba excesivamente precarizado, sendo básico para a saúde das mulleres dun xeito integral (a nivel físico, educativo, preventivo, emocional…).

 

· Aurelia:

O caso de Aurelia Rey foi presentado mediaticamente coma un exemplo de abuso dunha lei inxusta (a dos Desafiuzamentos Express) sobre unha persoa de 85 anos, e non era para menos. Sen embargo, segundo imos revisando o caso podemos ir engadindo capas que clarifican esa inxustiza: observamos unha situación de acoso na que unha familia de grandes propietarios buscan aproveitar unhas leis feitas á súa medida para expulsar da súa vivenda a unha muller maior que pasou toda a súa vida traballando como costureira, que tivo que emigrar a Arxentina e Uruguai, que sobrevive cunha pensión non contributiva de arredor de 350 euros (todo o traballo que fixo durante a súa vida era “invisible”, pois ninguén considerou que debía contribuír por el), que se atopa por debaixo do limiar da pobreza, que aínda así vive soa e pola súa conta… Non deixa de ser sintomático que a solución que en todo momento esgrimiu Servizos Sociais fose a de mandarlle a unha residencia, incapacitala como persoa activa e autosuficiente, algo ó que ela mesma se nega con toda a súa forza: “Na miña vida goberno eu”, di sempre Aurelia.

 

Seguindo o exemplo de Aurelia, e aproveitando que o 8 de marzo se celebra o Día Internacional da Muller, é tan bó momento como calquera outro para afirmar a lexitimidade das mulleres para ser soberanas de sí mesmas e a necesidade que temos do feminismo para reimaxinar un mundo que se desfai ante os nosos ollos polos abusos do capitalismo patriarcal.

Porque a revolución será feminista ou non será.

Deja un comentario

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 28 diciembre, 2018 — Visitas totales: 11,466 — Últimas 24 horas: 1 — Conectados: 0