Por un ferrocarril público e social

Dende fai tempo sabíamos da determinación do goberno de proceder á privatización do servizo ferroviario tomando partido por un sistema de comunicacións privatizado, máis custoso e insostible a nivel ecolóxico. A finalidade é privatizar o transporte de proximidade obrigando aos usuarios do tren á utilización dos medios privados de transporte por estrada.

Na Coruña, convocados polos traballadores e traballadoras de RENFE, xa fixemos varias mobilizacións encamiñadas a, por un lado, reivindicar diante da empresa e do goberno a paralización das medidas privatizadoras e, por outro lado, concienciar á cidadanía do que se estaba a preparar polos gobernos neoliberais e avisar das consecuencias que iso implicaría.

Galiza e, nomeadamente, A Coruña e a súa comarca presentan unha clara insuficiencia no desenvolvemento económico e social, non sobran infraestruturas e non podemos permitir que nos quiten o pouco que temos. Iso si, queremos variar substancialmente o sentido do que é o servizo ferroviario na nosa contorna convertendo a infraestrutura actual nun servizo real de cercanías, que sirva de nexo entre a Coruña e as bisbarras e comarcas próximas, que evite, de xeito real, o ter que utilizar o transporte privado.
Non podemos consentir que localidades da área de influencia da Coruña estean, en pleno século XXI, tan distanciadas en tempo real de transporte en tren. Ferrol, Betanzos, Cambre… teñen hoxe un servizo só equiparable ao que correspondería ao século XIX.

Queremos que o servizo ferroviario, o tren, sirva de alternativa ao transporte privado, para iso fai falla que cada día sexa mellor.

O tren é un patrimonio colectivo, un servizo público, que non podemos permitirnos o luxo de perder.

Un comentario para “Por un ferrocarril público e social”

Deja un comentario

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 28 diciembre, 2018 — Visitas totales: 11,130 — Últimas 24 horas: 0 — Conectados: 0