Archivo de agosto de 2013

Mercadiño de troco (especial material escolar)

 

Como cada último sábado de mes, o día 31 organizamos un mercadiño de troco de 12 a 14 horas no Campo de Marte.

Consiste en que calquera persoa leva un número determinado de productos e pode recoller o mesmo número de productos. Non se emprega diñeiro, trátase de darlle un novo uso ás cousas.

Neste caso ademais farase especial fincapé no intercambio de productos de material escolar. Ademais, será especialmente lúdico, para fomenta-la participación dos máis pequenos e os seus pais e nais, posto que tamén haberá un taller de manualidades e comida campestre.

Invitámosvos a participar neste troco, traendo cousas que non utilicedes para trocar por outras que precisedes.

Folga de basuras

 

 

 

Hoxe pola noite comeza unha folga de basuras na nosa cidade. Mañá haberá unha manifestación convocada polo Comité de Empresa de Albada.

 

Ademais, hoxe pola noite haberá piquetes informativos.

Novas seccións de vídeos

Acabamos de inaugurar unha sección na que iremos subindo os vídeos que grabemos de mobilizacións, asembleas, etc.

Podes acceder a ela na pestana “Videos” ou facendo click na seguinte fotografía:

Ademais, para @s nostálxic@s tamén incluimos unha sub-pestana de Videos chamada “Videos antigos” na cal están colgados vídeos dos anos 2011 e 2012. Tamén podes acceder a ela facendo click na seguinte imaxe:

 

 

Angrois, unha traxedia evitábel

O día 31 de xullo participamos na concentración realizada na estación de San Cristovo convocados pola PLATAFORMA EN DEFENSA DO TREN A CORUÑA E AS MARIÑAS da que formamos parte, para esixir, entre outras cousas, a realización dunha investigación seria, que sexa independente do Ministerio de Fomento, para aclarar todas as circunstancias que rodean ao accidente e que, unha vez concluída esta, sexan dirimidas todas as responsabilidades penais e políticas a que houbera lugar, sen ningún tipo de presión por parte de RENFE, ADIF (cuxo presidente xa se pronunciara culpando do sucedido exclusivamente ao maquinista: http://www.publico.es/459832/adif-intenta-culpar-al-maquinista-mientras-sus-companeros-le-defienden-es-un-hombre-sensato). Esiximos, dende o primeiro momento, que se soubera a verdade, sexa cal sexa.”

 

A instrución do xuíz Luís Aláez sinala o que nós dende o comezo xa denunciabamos: a traxedia puido evitarse. O xuíz instrutor considera, con “carácter provisorio”, que tamén “existiu unha omisión de cautelas elementais polos que teñen a misión de garantir a seguridade da circulación ferroviaria na devandita liña”. Iso, segundo o xuíz, constitúe “unha imprudencia punible, pois ante a existencia dun importante risco para a circulación, non se dota ao sistema de seguridade de ningún recurso que o resolva automaticamente [freado automático ou ERTMS] nin se destaca ao maquinista ese concreto risco máis que de xeito indirecto”.

 

Da instrución do xuíz dedúcese que hai que xeneralizar en todas as liñas de velocidade alta o sistema ERTMS, capaz de subsanar o error humano previsible dun xeito automático.

Os datos coñecidos sobre a carencia de instrumentos de seguridade son indignantes, diante desta circunstancia a táctica das empresas (RENFE e ADIF), unha vez que ven indefendible culpar exclusivamente ao maquinista, é a de derivar a responsabilidade nos técnicos que deseñaron a infraestrutura. Tamén aparece a posibilidade dun acordo entre os dous partidos políticos maioritarios (PSOE-PP) para eludir as responsabilidades políticas.

 

As responsabilidades xurídicas e políticas cada día están máis claras facendo imposible que, por máis tempo, permanezan nos seus postos os presidentes de RENFE e ADIF.

Reclamamos a asunción das responsabilidades a que houbera lugar por parte de José Blanco, ministro de Fomento responsable directo da infraestrutura inaugurada e utilizada sen as mínimas medidas de seguridade que evitarían o accidente.

 

Esiximos a dimisión de Alberto Núñez Feijoo que permitiu sen chistar a construción no noso territorio dunha infraestrutura tan perigosa e sen os elementais dispositivos de seguridade

 

Esiximos, tamén, a dimisión da actual ministra de Fomento Ana Pastor por reaccionar ante esta situación única e exclusivamente cando ocorreu o desgraciado accidente que segou as vidas de 79 persoas e sen que, a estas alturas, se concreten as medidas que tomará o ministerio ao respecto pois na comisión do Congreso limitouse a indicar que “Neste momento todo está sometido a revisión e todo está sometido a propostas de mellora”.

 

Estes políticos cando inauguran as obras (inauguracións moitas veces forzadas para que coincidan coas campañas electorais) arróganse a súa autoría, cando esas obras ou, como neste caso a infraestrutura orixina algún problema, accidente… a responsabilidade é de outros, neste caso cúlpase aos técnicos.

 

POR UN FERROCARRIL PÚBLICO, SOCIAL E SEGURO

 

PARA COMPLETA-LA INFORMACIÓN: auto (instrución) do xuíz dispoñible aquí.
 

O noso apoio para Stop Desafiuzamentos

Caixa de resistenza

Para facer fronta á criminizalización que se está a facer dos movementos sociais na nosa cidade (hai máis de 5.500 € en multas), dende Stop Desafiuzamentos acaban de poñer en marcha unha campaña que estiman que durará uns 3 ou 4 meses cun doble obxectivo:

 

- Por un lado facer unha caixa de resistencia, estanse a por en distintos sitios afíns (bares, asociacións, sindicatos comercios, postos de mercadiños, etc.) petos de resistenza como o da foto, e vanse levar a cabo distintas actuacións puntuais nas que tamén se empregarán ditos petos (teatriños na rúa, etc).

 

- Por outro lado preténdese a través de dita campaña seguir denunciando públicamente a terrible represión que están a vivir os movementos sociais da cidade pola vía das sanciós económicas.
Esta é a pegatina que figura nos petos de resistenza que se están a deixar nos locais afíns.
  Este é o blogue de Stop Desafiuzamentos, no que se irá dando conta da evolución desta campaña: http://stopdesahuciosacoruna.blogspot.com.es/

Manifestación antitaurina

A plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas, Asociación Animalista Libera e Fondation Franz Weber convocan á cidadanía e ás organizacións e colectivos de todo signo a participar na 1ª Manifestación Antitaurina da Coruña.

Será mañá, domingo 4 de Agosto, ás 12 horas, con saída dende O Obelisco ata a Praza de María Pita.

Dita manifestación é apoiada por case medio centenar de colectivos, tanto sociais, como ecoloxistas, políticos, de xóvenes, etc. Podes consultar de cales se trata no evento de facebook: manifestación antitaurina.

Ademais, algúns deles (incluida a nosa Asemblea) lerán un manifesto contra as touradas en xeral e a feira taurina da Coruña en particular á chegada á praza de María Pita.

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 24 mayo, 2017 — Visitas totales: 9,636 — Últimas 24 horas: 2 — Conectados: 0