Archivo de mayo de 2015

Mercadiño de troco de maio

 

 

 

O último sábado de cada mes desde a Asemblea Popular do 15M de Monte Alto organizamos un mercadiño de troco de 12 a 14 horas no Campo de Marte. O deste mes será o sábado 30 de maio.

 

Consiste en que calquera persoa leva un número determinado de productos e pode recoller o mesmo número de productos. Non se emprega diñeiro, trátase de darlle un novo uso ás cousas.

4º aniversario do #15M!!

 

Hoxe fan xa catro anos daquel 15 de Maio no que descubrimos que non era tanta a soidade. Que non era só cousa nosa, senón que había un montón de xente ó noso redor que sentía o mesmo cabreo coas políticas institucionais, co recorte dos dereitos, coa parálise dos sindicatos, coa débeda que nos querían (e seguen querendo) impoñer aínda que non sexa nosa, coa imposibilidade cada vez máis patente de poder levar unha vida digna. Primeiro foi a manifestación convocada por Democracia Real Ya e, logo, máis abrumadoras e esperanzadoras se cabe, as acampadas.

 

Inicialmente comezou como un acto de denuncia contra a represión: non abandonar a praza de Sol ata que liberasen ás persoas detidas durante a manifestación. Pero quedaran moitas cousas por facer, moitas posibilidades non exploradas, moito sen falar na manifestación do día anterior, e aí estoupou todo. A xente comezou (comezamos) a autoorganizarse, a participar en debates interesantísimos e eternos, a conseguir comida para toda a xente que acudía ás prazas, a facer asembleas xerais e sobre tódolos temas que se nos ocorrían. Lembramos que ningún dereito nos foi dado sen loitar por el e decatámonos de que teríamos que seguir a loitar, moi activamente, para que non nos quitasen os poucos que conseguíramos.

 

Houbo varios intentos por parte dos distintos gobernos de levantar as acampadas pola forza, pero ningún tivo éxito. As acampadas remataron cando a xente decidimos que tiñan que rematar.

 

Dende entón, tódolos anos, os medios se preguntan: e que foi do 15M? A acampada rematou ós poucos meses, pero o movemento espallouse, diversificouse. Era tanta e tan diversa a xente que alí se atopou, que inevitablemente os camiños foron tamén do máis diverso: dende as asembleas de barrio ata os colectivos en defensa da vivenda, pasando por cooperativas, hortas urbanas, mareas no ensino e na educación, banca ética… Os novos partidos cobran sentido dende a crítica que o 15M fixo da institución, aínda que non se poda dicir que pertenzan ó 15M (“Non nos representan!”). Houbo xente que volveu para casa, e outra que está traballando en varios colectivos ó mesmo tempo.

 

O máis interesante é se vemos o noso 15M como un fito máis dentro dunha cadea de acontecementos globais: a deposición do Goberno en Islandia, a Primavera Árabe (fortemente reprimida alí onde xermolou, exceptuando quizáis Túnez), a ocupación intermitente da Praza Syntagma, o Occupy Wall Street, a defensa do parque Gezi, o Nao van ter Copa, o Blockupy… Algo se está a mover, pouco a pouco, baixo a superficie dun sistema podre e que nos aboca ó abismo. Ás veces emerxe abruptamente, como nos fitos mencionados, pero o máis importante é o que, despois, segue a tecerse colectivamente, fóra dos focos.

 

Pola nosa banda, no 15M de Monte Alto seguimos a traballar, modestamente, atendendo ós puntos que entendimos como fundamentais do movemento: asemblearismo, autoorganización, participando das distintas reivindicacións e loitas que van emerxendo na cidade, négandonos a ser mercancía nas mans de ninguén, sempre alegres e combativas!

 

O próximo xoves 4 de Xuño celebraremos o noso propio 4º aniversario, con debate e petiscos, como nos gusta. Aproveitamos o acontecemento para irvos invitando! Seguiremos a nosa andaina, ano a ano, día a día, cara unha sociedade xusta e libre. Vémonos no camiño!

 

[Enlazámosvos a continuación o manifesto publicado pola acampada de Sol: http://mayo2015m.blogspot.com.es/p/manifiesto-en-construccion.html]

Asemblea de maio: eleccións municipais, as urnas non nos van calar

Como cada 1º xoves de mes o 7 de maio celebraremos  a nosa Asemblea mensual no Campo de Marte ás 20:00 horas.

A charla-debate será sobre as eleccións municipais e a importancia de que as urnas non nos calen. Un compañeiro exporá o seu punto de vista sobre onde radica o problema, probablemente en cuestións tales como que sen esixencia dunha base responsable políticamente falando, implicada éticamente na súa cotidianeidade e cunha vontade real de transformación, a relación directa entre representante e
representado vólvese tan asimétrica como baleira de contido.

Como sempre, haberá micro aberto, co cal as asistentes terán a posibilidade de participar, de xeito que poderemos aprender todas de todas. Tamén se dará conta dos principais avances e se anunciarán e votarán as próximas accións.

© 11-12-2011 — Contacto: #15M Monte Alto — Actualizado: 22 noviembre, 2017 — Visitas totales: 9,947 — Últimas 24 horas: 2 — Conectados: 0