Escrito sobre as carencias dos nosos barrios

Accede o documento completo pinchando aquí.

A Asemblea popular de Palavea, Pedralonga e Santa Gema, integrada na Asemblea de barrios e vilas da Coruña, dentro do movemento 15-M, presentamos esta visión do noso barrio.

É una visión ELEMENTAL E FUNDAMENTAL porque só nos referimos ás carencias sangrantes, fundamentais, daquelo que toda a cidadanía e calquera barrio ten dereito a ter, pero que nós non temos.Todas elas foron reivindicadas moitas veces e foron tamén obxecto de promesas nas diferentes citas electorais, pero seguimos, non igual, senón que cada vez peor.

SAÚDE

O ambulatorio de referencia está en Mato Grande, moi lonxe, sobre todo para a poboación de idade. É imprescindible un ambulatorio máis próximo de dimensións e características axeitadas a poboación da zona.

ENSINO PÚBLICO

Nos nosos barrios só existe unha escola infantil, que funciona nun local municipal que foi a Escola Primaria de Río de Quintas. Ten prezos que non están ao alcance de moitas das familias do barrio. E ademais, moitas das familias que poden pagalo, non acadan praza.

É imprescindible unha escola pública infantil, que atenda as necesidades educativas do nosos barrios, sen obrigar os rapaces a desprazarse a outras zonas da bisbarra. Esta escola podería estar no edificio e terreos municipais da antiga Escola Primaria de Pedralonga, actualmente pechada e sen uso. No mesmo sentido apunta a solicitude realizada pola plataforma veciñal de Pedralonga, con data 27 de Abril de 2010, na que 725 firmas solicitaban a reapertura do antigo colexio de Pedralonga para os seguintes fins: escola infantil, local social e área de esparexemento para os mais pequenos.

SERVIZOS SOCIAIS

O Centro Cívico existente na zona, o do barrio de Palavea, atópase infrautilizado, cunha terceira parte das súas instalacións (onde fai anos funcionou a escola infantil, e algún espazo máis), mortas, sen actividade, pechadas.

Dito centro oferta (en canto a utilización de espazos e a duración) sobre todo actividades de sala de estar, ou de xogos, dirixidas á persoas de idade. Tamén oferta outra serie de actividades, como aparece no libriño da rede de Centros Cívicos que edita o Concello.

Todas esas son actividades útiles pero hai unha ausencia total e absoluta no Centro Cívico de traballo e de intervención social mediante educadores de rúa, por exemplo, cos problemas máis perentorios do barrio e co colectivo que máis os padece: os problemas son paro xuvenil e o fracaso escolar. O colectivo máis necesitado é a xuventude que padece eses problemas. Unha xuventude cada vez mais marxinada que vai medrando nun barrio que non ofrece nin un lugar onde reunirse, nin un lugar e actividade onde participar e nin un espazo onde facer deporte. O barrio sempre reivindicou un Centro Social, e ten un Centro Cívico pouco social.

Estas carencias son de sobras coñecidas polos políticos da comarca, xa que foi constante e pública a promesa municipal de construción dun polideportivo no que fora o Campo da Pena, que posteriormente ocupou a autopista.

O NOSO BARRIO: UNHA ILLA DESHUMANIZADA

O noso barrio, tal e como actualmente está, é un produto da máis agresiva e deshumanizadora especulación urbanística que se deu nos últimos 25 anos.

Rueiros como Palavea Vella, fai non moito con sesenta veciños ,e infraestrutura e ambiente rural, convertéronse nun inmenso barrio dormitorio, duns trescentos pisos, que foron adquiridos ao reclamo, ademais do prezo, do único “ben” prezado no noso bario: un gran centro comercial. Esta mutación foi conseguida coa complicidade municipal que mudou a ordenación: penalizou a rehabilitación de vivendas unifamiliares esixíndolles unas duras características de edificabilidade, e premiando as edificacións colectivas (bloques) aos que concedía unha xenerosa edificabilidade (sotos,baixo, dúas plantas mais baixo cuberta, que se convertían en catro alturas para pisos). O cambio de ordenación converteuse finalmente no caldo de cultivo perfecto para as agresivas políticas inmobiliarias que mercaban as vivendas unifamiliares ofrecendo aos propietarios un piso no edificio que construirían no seu solar.

Ademais, este gran cambio en canto a morfoloxía das vivendas do barrio, non foi acompañado dunha adecuada planificación urbanística, deixando treitos do centro do barrio de Palavea sen beirarrúas e con bloques de edificios invadindo as calzadas, deixando pasos tan estreitos que a convivencia do peóns e tráfico rodado é, en diversos puntos, pouco menos que imposible.

O 26 de febreiro do 1982, o Pleno do Concello acordou o seguinte: “La Avenida Alfonso Molina deberá tener caracter de vía urbana, tipo bulevar, con aceras a ambos lado y arbolado de forma tal que permita la intercomunicación de ambos márgenes de la referida avenida sin soluciones a distinto nivel…”. Qué sarcasmo! Estamos esperando! A paciencia é unha virtude. Vinte e nove anos! Non so se incumpriu este acordo se non que as vías de alta capacidade que rodean o barrio remataron engulindo os terreos que, como xa se mencionou con anterioridade, estaban destinados a albergar instalacións deportivas.

A día de hoxe a crúa realidade de cada día e que, cada vez que temos que entrar e saír do noso barrio, constatamos que estamos rodeados por vías de alta capacidade, por circulación masiva de vehículos, por ausencia de beirarrúas. En definitiva, afastados do mundo e sen percibir o mais mínimo esforzo por humanizar o paso destas vías preto das nosas casas.

Mención especial merece a pasarela peonil que una Pedralonga e Palavea. Reivindicación referendada por mil cincocentas sinaturas e cuxa construción foi planeada, pero que finalmente non se fixo. Un peón que queira ir de Pedralonga cara o Portazgo ou facer a compra en Palavea, ten que dar un rodeo de case un quilometro para poder utilizar a única pasarela sobre a avenida de Alfonso Molina, ou correr un alto risco atravesando as diferentes incorporacións e saídas das vías de alta capacidade que nos rodean e que non están pensadas para a convivencia co tráfico peonil.

Así pois convertéronnos nunha deshumanizada illa, rodeada de ruidosas calzadas, con moita dificultade para o acceso peonil, difícil de saír e entrar e sen espazos libres interiores; o final, a forma mais segura de saír/entrar e desprazarse polo noso barrio é en coche.

Onde poden xogar os nenos e nenas?.Que espazos ten a xuventude para os seus intereses asociativos e de lecer? En ningures, nas esquinas, nas propiedades privadas, pero en ningún espazo público.

TRANSPORTE PÚBLICO

Tres liñas (20, 22, e 1A) pasan pola zona, cunha periodicidade de 20 minutos. Só a metade dos buses están adaptados para persoas con disparidade funcional ou para cadeiras de bebés. As veces hai que agardar mais de 45 minutos por un bus adaptado.

Teñen un percorrido moi longo ata chegar ao centro da cidade e, ademais, non levan a partes importantes dela.

Como outra carencia moi destacada no tema dos transportes, destacar que non pasa o autobús universitario, obrigando a realizar varios transbordos para poder chegar o campus.


MEDIO AMBENTE

¿Sabe o Concello onde van as augas fecais e residuais das casas e das industrias da zona? En moitas ocasións, achegarse o río Quintas é unha ardua tarefa por mor dos olores e do lixo que arrastra.

Dada a proximidade do río as casas, é urxente limpar e controlar as verteduras ao río de Quintas, dotando de rede de saneamento público e sumidoiros a tódalas casas, e converter as súas beiras nun espazo de uso público.

Neste punto tamén existen promesas electorais incumpridas ata data de hoxe

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos necesarios están marcados *

*

Puedes usar las siguientes etiquetas y atributos HTML: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>